App Store Carboeiro
 
O tempo en Silleda
Para o día 20/11/2017

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima: 4
Máxima: 19
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Inicio -> Novas

Novo éxito do roteiro arqueolóxico "Xulio Rivas" de Oleiros, coa participación de 60 persoas

Silleda, 25 de outubro de 2014. Hoxe celebrouse a terceira edición do Roteiro Arqueolóxico da parroquia de OIeiros, que a partir de agora levará o nome de Xulio Rivas. Sesenta persoas participaron no percorrido organizado dende a Asociación de Veciños de Oleiros en colaboración co Concello de Silleda, unha iniciativa que xurdiu para a posta en valor deste patrimonio.

O roteiro, guiado polo arqueólogo Israel Picón comezou no xacemento de Chao dos Petos, un dos máis emblemáticos desta área onde se concentran numerosos elementos patrimoniais da idade de Bronce e da idade de Ferro. A seguinte parada, logo de Chao do Petos, foi o petroglifo de Pena das Cazolas, xa na parroquia de Laro, tamén con motivos circulares e escaleiriformes, ao igual que o anterior.

O percorrido continuou pola ladeira do Castro Montaz, o máis elevado da comarca do Deza, situado a preto de 700 metros de altitude, para subir ata a cima.  Na ladeira o grupo tamén se detivo nos gravados de Cotogrande.

Israel Picón explicou as particularidades de cada un dos gravados nunha zona singular en Galicia pola gran cantidade de xacementos que se concentran, e de feito explicou que cada vez se están a atopar novos elementos.

Un deses novos achádegos confirmábase hoxe na última das paradas, en Pena Longa, xa en territorio de Cortegada, onde un grupo de veciños localizou tres novos gravados, moi preto do Castro das Orelas.

Dende o Concello de Silleda estase a estudar a posibilidade de realizar accións para promover a difusión e posta en valor destes asentamentos, tamén como fórmula para preservalos, xa que nos últimos anos algúns destes exemplos foron destruidos ou alterados.

Só na parroquia de Oleiros están catalogados tres castros: Montaz, o das Orelas e o da Casanova, e uns 14 petróglifos, ademáis de varias mámoas.

Israel Picón amosou ao final da ruta a súa satisfacción, non só polos novos achádegos senon tamén pola ilusión que veñen amosando os veciños da zona á hora de difundir e protexer un legado que vai en aumento.

Ademais de veciños de Oleiros e de varios puntos de Silleda, tamén participaron outros chegados dende Lalín, Santiago ou localidades como Marín.

 

Ademais, grazas á colaboración dalgún dos participantes o roteiro tamén pode descargarse na web Wikiloc.

Publicado: 27/10/2014