App Store Carboeiro 
 
The weather in Silleda
Day 23/11/2017

In the morning

In the afternoon

Minimum: 22
Maximum: 15
Courtesy of Meteogalicia
 
Follow us: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Home -> News

A Asociación de Veciños de Oleiros e a Concellería de Cultura e Turismo promoven a posta en valor dunha área arqueolóxica única en Galicia

A Asociación de Veciños San Miguel de Oleiros xunto co Concello de Silleda, a través do departamento de Cultura e Turismo, veñen de definir o proxecto para a posta en valor dunha área arqueolóxico que comprende, ademais dos dous castros da localidade (Castro Montaz e Castro das Orelas), unha ducia de petróglifos e dúas mámoas. 

Trátase dunha área única en Galicia pola elevada concentración de elementos patrimoniais nunha zona tan reducida. Conta ademais cun gran valor dende o punto de vista paisaxístico e medioambiental. Así mesmo e por tratarse dunha zona tradicionalmente afectada por incendios, coa posta en valor da zona contribuiríase a erradicar os lumes, que ademais de afectar ao medio tamén deterioran e mesmo ameazan a existencia do patrimonio.

“Esperamos que sexa un revulsivo para contar nesta zona cun turismo cultural , que contribúa a conservación do medio, a prevención de lumes forestais e que dé a coñecer ao mesmo tempo aos veciños de Oleiros, de Silleda e Galicia, a gran riqueza coa que conta a área”, engadeo presidente da asociación, Diego Iglesias,  que espera convertir “a gran valía patrimonial nun orgullo para os veciños, e para todos e todas as silledenses”.

A actuación para a posta en valor inclúe, ademais dun proxecto de control arqueolóxico, unha sinalización respetuosa co medio, limpeza da zona e a colocación de paneis explicativos e divulgativos.

Ademais dos dous castros cos que conta a parroquia de Oleiros (Castro Montaz e Castro das Orelas), a proposta tamén inclúe dúas mámoas, as de Laxe e Chao dos Petos e unha ducia de petróglifos, a meirante parte nesta parroquia. A actuación inclúe ademais o petróglifo de Pena das Cazolas, en Laro, e o de Pena Longa, en Cortegada.

Na realización do proxecto participaron dous silledenses, o xeógrafo Afonso Leal e o arqueólogo Israel Picón,  aportando os seus coñecementos nas respectivas áreas.

 

Reunión cos propietarios e roteiro o día 6

O pasado martes, o concelleiro de Cultura e Turismo, mantivo un encontro en Oleiros con propietarios dos terreos que comprende a área, dos que se precisa autorización para poder optar ás axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).  A cesión de uso, para poder limpar as fincas, sería por un periodo de 5 anos. “As fincas seguirían sempre en mans dos propietarios, só se cede o uso”, explica Da Torre. Para ter acceso ás axudas precísase contar co permiso dos donos, que xa comezaron a presentar os documentos. Ademais da Casa da Cultura de Silleda, ou a través da Asociación de Veciños de Oleiros, ou no restaurante O Carballo, os propietarios que faltan deben entregar as autorizacións no que resta de semana. 

Ao encontro tamén acudiron membros do Colectivo pola recuperación dos Castros de Toiriz e da Asociación Cultural Copa do Castro, que fixeron actuacións similares á que se pretende, para apoiar a iniciativa e comentar a súa experiencia.  “O que se pretende e divulgar o grande patrimonio da zona. É unha grande oportunidade, á marxe de que se conceda ou non a subvención, porque se trata dunha proxecto sinxelo, coa limpeza e sinalización. Cando nun futuro esté rematado, a xente da zona e os silledenses poderán sentirse orgullosos do que se convertirá nun novo reclamo para visitar Silleda”, engade o concelleiro.

O vindeiro sábado día 6 de outubro terá lugar un roteiro guiado polo arqueólogo Israel Picón, para amosar aos veciños e xente interesada os elementos patrimoniais, ofrecendo unha explicación detallada. O percorrido, duns 5 kilómetros, partirá ás 10.30 do restaurante O Carballo de Oleiros, onde tamén terá lugar un xantar ao remate do roteiro. Os interesados poden anotarse na Casa da Cultura ou a través da Asociación de Veciños San Miguel de Oleiros. 

Ademais dos dous colectivos citados anteriormente, a iniciativa conta co apoio da Asociación Cultural de Cortegada, do colectivo Amigos da Romería da Tortilla de Laro; da  Anpa do CEIP de Silleda, polo seu valor didáctico; da asociación de Veciños Olaia, asociación Adellís, ECOS e a Asociación Feiral Semana Verde.

Publicado: 2012-09-27