App Store Carboeiro 
 
The weather in Silleda
Day

In the morning

In the afternoon

Minimum:
Maximum:
Courtesy of Meteogalicia
 
Follow us: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Home -> News

A Festa da Empanada volta á vila da Bandeira o 17 de agosto, coa declaración de Interese Turístico Nacional no punto de mira

Silleda, 1 de agosto de 2013. As Festas de Verán da Bandeira, coa empanada, como protagonista, voltan á vila silledense do 15 ao 18 de agosto próximos. A carballeira na que cada terceiro sábado de agosto, dende hai case 4 décadas, se xuntan preto de 10.000 persoas en torno a un dos pratos máis afamados da cociña galega, acolleu hoxe a programación do programa festivo.

No acto, no que os organizadores dos distintos eventos estiveron arroupados polo alcalde, Manuel Cuíña, e a concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Campos, entre outros membros da Corporación, deuse a coñecer o completo cartel dos festexos de verán, que comezarán o xoves día 15 co XV Bandeirock.

O festival, que terá lugar a partir das 22.00 horas na rúa Camilo José Cela, terá este ano un carácter solidario. Lolo Arincón, de Xonix Récords, explicou que “vendo a situación actual, decidimos poñer en marcha esta iniciativa, para que os asistentes colaboren traendo un kilo de alimentos non perecedeiros que logo se entregarán ao Banco de Alimentos do Concello para repartir entre as familias máis necesitadas”.

A cita rock supón tamén a celebración dos 15 anos da estrea do grupo organizador, Kona Ke te Fixo, que volta ao escenario do Bandeirock, certamen que aposta por dar a coñecer aos grupos que están empezando. No concerto estarán presentes os outros dous grupos locais: Tu mujer nos engaña e Iogur de Coco, ademais dos compostelanos Faba (dúo de reggeae ska) e a banda Barrio Rojo, de Vila de Cruces, que repite na cita da Bandeira. Arincón tamén destacou a presenza de Luces Desenfocadas, outro dúo de Cuidad Real que vén de colleitar diversos premios nunha xira por Alemaña e que foi destacada na prestixiosa revista Music Store. A noite rematará, coma sempre,  coa sesión de Dj Demo.

Budiño, no XXV Esmorga Folk

Na xornada do venres día 16, na que se procederá xa ao corte da estrada nacional 525 (o tráfico estará desviado ata a madrugada do luns), o programa arranca con diversas actividades pola tarde. Así, ás 16.30 haberá xogos infantís, ás 18.30 horas unha exhibición de coches de Radio Control no circuito da Moa,-onde estará presente o campión galego José Porto-, e a actuación do grupo local Fortín da Pomba.

Ás 21.00 horas tamén se celebra a terceira edición do Campionato Interparroquial de Tiro á Corda. Nesta xornada, a partir das 19.00 horas, tamén terá lugar a terceira Ruta da Empanadilla, na que este ano participan todos os bares e locais hostaleiros da localidade (Arume, Encontro, Zaux, Conde, Vitorino, Café Bar Totola, Mesón Bandeira, A Plazoleta, A de Tachy, Vinoteca Cadeira, Trécola, A Taberna do Músico, Bar Reina e A de Filo).

O broche de ouro á xornada do venres chega co Esmorga Folk, un dos festivais máis senlleiros do panorama galego da música tradicional, que este ano cumpre o seu 25 aniversario. Así, e para conmemorar as vodas de prata, o certame contará cun cartel de luxo. Ana Codesido e Toño Brey adiantaron que este ano o festival contará coa presenza de Os Melidaos, o grupo de Melide que se definen coma os “gaiteiros que cantan”; e Radio Cos, do que forman parte dous referentes na investigación da música tradicional: Quique Peón e Xurxo Fernández, cantantes e percusionistas da banda. Tamén estarán presentes Os Carunchos, de Vigo,  habituais nos últimos anos (actuaron por última vez na Bandeira no 2011) e dos grupos que máis veces sonou na cita da Bandeira. Nesta ocasión presentarán o seu novo disco Ti Qué?, reivindicativo e comprometido coa terra, ou a lingua entre outros,. Completa a lista, Xosé Manuel Budiño, un dos artistas máis coñecidos que xa actuara no Esmorga nos anos 90. Codesido lembrou que o da Bandeira é un dos festivais máis antigos de Galicia. “Estamos moi orgullosos de seguir celebrando esta cita”, indicou, agradecendo o apoio do Concello de Silleda e das firmas patrocinadoras

Xornada estrela: concurso e reorganización das peñas

O sábado chega a cita estrela do programa, coa celebración da XXXIX Festa da Empanada, declarada de Interese Turístico Galego no ano 1999. A xornada abrirase co pasarrúas a cargo da Banda de Veteranos da Bandeira (11.00 horas), que darán un concerto ás 14.00 horas,  e a misa solemne na honra de Nosa Señora das Ermidas (13.00 horas).

Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas arranca a cita coa gran protagonista da gastronomía silledense. O presidente da Asociación Amigos da Empanada da Bandeira, Diego Cuíña, avanzou que a pregoeira desta edición será a polifacética actriz e presentadora Teté Delgado, á que agradeceu a súa predisposición e dispoñibilidade cando lle propuxeron ensalzar o prato da Bandeira.

Na cita non faltará a actuación do grupo local Xirandola nin o tradicional concurso de empanadas. Cuíña explicou que a comisión organizadora optou este ano por suspender a poxa das pezas premiadas, entre outros, pola situación xeralizada de crise económica. En canto ao concurso, un xurado profesional xulgará o sabor, presentación e orixinalidade das empanadas que se presenten ao concurso, concedendo como sempre tres premios en dúas categorías: amas de casa e restaurantes e panaderías.

Diego Cuíña explicou tamén que por razóns alleas á organización, este ano haberá que realizar modificacións na ubicación das peñas que se reúnen na Bandeira para cear o sábado. “Esperamos que os asistentes o comprendan”, engadiu, e reiterou o agradecemento, en primero lugar a todos os veciños e veciñas da Bandeira pola súa colaboración, e tamén aos propietarios que cederon os terreos para a celebración da festa.

Así mesmo, tamén agradeceu a colaboración das amas de casa que na xornada de hoxe aportaron empanadas para degustar na presentación, á que asistiron tamén veciños da localidade, así como dos distintos departamentos do Concello de Silleda.

O presidente do colectivo destacou tamén o reto iniciado este ano para conseguir a declaración da cita como Festa de Interese Turístico Nacional, para o que se realizará un esforzo promocional do evento, que comezou o mes pasado xa no Centro Galego de Santander. A verbena da multitudinaria xornada do  sábado na estrada N-525 estará amenizada polas orquestras Trébol e Grupo Nebraska.

Reservas ata o día 12

Cuíña tamén lembrou que o prazo de reserva de espazo para a cea das peñas do sábado está aberto e que rematará o vindeiro día 12. Os socios e as persoas que estén interesadas en reservar sitio deben achegarse polas tardes á Casa da Cultura da Bandeira para formalizar as reservas. “É moi importante para nós, por cuestións de operatividade, que se cumpra o prazo e que a xente non espere ata o último día”, dixo lembrando o traballo que supón a montaxe das mesas.

 

Petanca, feira de artesanía e recuperación da verbena o domingo

O domingo, último día das festas, comezará con todo un clásico: o Open Internacional de Petanca. Tamén se estrea unha das novidades deste ano: a feira de artesanía con postos que se instalarán na Carballeira de Silva. O pasarrúas e concerto de mediodía correrá a cargo da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira. Tamén se celebrará ás 13.00 horas a misa en honor a San Antonio. Xa pola tarde, ás 20.00 horas, terá lugar un concerto coas bandas, e sesión de bailables, coa Banda de Bandeira e a Artística de Merza. Á medionoite comezará a verbena, que se recupera nesta edición, co grupo Yucatán.

 

Na presentación interviron tamén a concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Campos, que reiterou o apoio do Concello “á festa de Silleda con máis proxección”, e o alcalde Manuel Cuíña, que pechou o acto destacando a importancia da empanada, e agradecendo o esforzo dos organizadores e aos propietarios da carballeira a cesión dos seus terreos.

Publicado: 2013-08-05