App Store Carboeiro 
 
The weather in Silleda
Day 22/11/2017

In the morning

In the afternoon

Minimum: 18
Maximum: 9
Courtesy of Meteogalicia
 
Follow us: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Home -> News

O sendeiro da Férveda e o Centro de Interpretación da Natureza de Escuadro incorpóranse á nomina de recursos turísticos de Silleda

Silleda, 16 de novembro de 2013. Hoxe tivo lugar lugar a inauguración do Centro de Interpretación da Natureza de Escuadro, un proxecto que ten como protagonista o sendeiro ata a Fervenza da Férveda.

A cita comezou ás 11.00 horas coa realización do citado roteiro, no que participaron medio centenar de persoas. A ruta partiu do muíño de Varela, cedido pola familia propietaria ao Concello durante 25 anos, e que foi restaurado xunto con un lavadoiro vecinal dos anos 50 a través desta actuación, , executada con fondos municipais e a cantidade que lle corresponde ao municipio dentro do Fondo de Compensación Ambiental, cunha inversión de 46.000 euros.

O sendeiro, de tipo lineal cunha distancia de 2,7 kilómetros e de dificultade baixa,  foi limpado, retirando tanto a maleza coma os vertedoiros existentes,  e sinalizado. Tamén se adecuou o camiño existente, facilitando o acceso peoníl cunha actuación sinxela sen impacto ambiental , e afirmando con xabre as superficies onde haxa máis terreo irregular.

Tamén se habilitaron unha serie de puntos para que os usuarios do roteiro poidan descansar. O sendeiro ata a fervenza, no lugar coñecido tamén como Pozo do Salto, discorre paralelo ao río Escuadro entre varios muíños de rodicio. Así, ademais do de Varela, están o da Regueira, do Sueiro, das Carballeiras, de Outeiro, de Bataneiro e de Herdeiros.

A música acompañou a xornada, da man do grupo local Son da Fervenza. Este roteiro, que se suma a outros do municipio de Silleda, sitúase no curso alto do río Escuadro, afluente do Toxa. Na flora da zona destaca o bosque de ribeira con árbores autóctonas (carballos, ameneiros, bidueiros, salgueiros e freixos) e arbustos coma o acivro, silvarveiras, fento real ou heterófilos. No último tramo tamén se habilitou un paso con pedras sobre o regato de Fontefría, para facilitar o acceso á fermosa fervenza, un salto de aproximadamente 15,70 metros de altura, que se suma a outro máis pequeño que parte da base do pozo ou mergulleira.

Unha vez finalizada a ruta tivo lugar o descubrimento dunha praca no muíño de Varela, por parte do alcalde e o propietario desta edificación, agora recuperada.

Etnografía, patrimonio e natureza

O Centro de Interpretación está situado no centro social onde se situou a antiga escola, na pranta alta. Conta con contidos museográficos, para a posta en valor dos recursos naturais no entorno da parroquia. Trátase dunha actuación complementaria con información , en distintos formatos, que contén datos sobre o sendeiro e a parroquia (fauna, flora, elementos etnográficos…). A igrexa de San Salvador, a pedra de Penadauga, ou o Pazo de Cascaxide, son algúns dos protagonistas xunto con antigas lendas coma ao do Trato cos mouros.

Con esta intervención ponse en valor un espazo natural aínda pouco coñecido, así coma o seu entorno,  que pasa a engrosar a lista de recursos naturais e turísticos do municipio de Silleda.

Agradecementos e intervencións

Logo da visita ao centro, descubriuse unha placa conmemorativa da estrea e realizouse unha visita ao Centro de Interpretación, coa asistencia de numerosos veciños e veciñas. A continuación celebrouse no centro social un xantar de confraternidade con 90 asistentes. Trala comida, o alcalde, Manuel Cuíña resaltou que o sendeiro da Férveda “era unha dos proxectos que incluímos no noso programa electoral xa en 2007, e  agora por fin está xa realizado”. Sinalou que con esta actuación se pon en valor “unha zona de gran valor e riqueza natural ademais dun entorno incomparable, como é do da Fervenza, que agora se suma á lista de recursos turísticos do noso municipio”.

Na súa intervención, o alcalde, que asistiu ao acto xunto co resto de membros do goberno local,  tamén agradeceu en nome do Concello a cesión realizada pola familia Varela, propietaria do muíño situado ao inicio do sendeiro, “pola súa xenerosidade, permitindo que visitantes, turistas e tamén os máis novos coñezan como eran estas edificacións logo da súa recuperación”. Tamén quixo agradecer aos veciños e entidades a doazón de pezas etnográficas para o centro.

Neste figura  unha mostra de material etnográfico con utensilios relacionados cos oficios de Escuadro e a súa contorna, así como coa actividade agrogandeira, que tanto peso ten nesta localidade. Hai dende olas de bater o leite para extraer manteira, ata lámpadas de carburo, sombreiros de palla, palas de forno ou ferradas e mesmo exvotos de cera lembrando o rito da Santa Isabel, tan arraigado en Escuadro. Este material foi cedido por veciños e veciñas, aos que dende o Concello se agradece o xesto. Así, o material aportado inicialmente é propiedade de Aurelio Rey Otero, Ramón Pérez Villar; José Criado Sánchez, Carmen Recimil e tamén polo Museo Casa do Patrón de Doade.

 

 

Publicado: 2013-11-18