App Store Carboeiro 
 
El tiempo en Silleda
Para el día

Por la Mañana

Por la Tarde

Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Inicio -> Noticias

A parroquia de Rellas acolle o vindeiro domingo día 9 a xornada ‘Trasdeza, o pan que arrecende, de exaltación do pan de Silleda

A parroquia de Rellas acollerá o vindeiro domingo día 9 de setembro unha xornada de exaltación do pan, organizada organizada pola Concellería de Cultura e Turismo en colaboración coa asociación de veciños Guadalupe de Rellas e a asociación de Mulleres Rurais San Martiño desta localidade. A presentación da cita, baixo o título “Trasdeza, o pan que arrecende” foi presentada hoxe na Casa da Cultura polo concelleiro de Cultura e Turismo, Matías Rodríguez; María José González, da panadería Paulino de Rellas; Manuel Mato, en representación dos colectivos de Rellas, e Aurelio Fernández Villaverde, que se encargará da malla.

Matías R. Da Torre sinalou durante a presentación que esta é “unha iniciativa que levaba tempo no meu maxín, para apostar por unha profesión tan tradicional coma a dos panadeiros e panadeiras” ademais por apostar por un produto con grande fama de calidade en Silleda. O concelleiro sinalou que a cita, que se pretende continuar e mesmo outorgarlle un carácter itinerante, celebrándose noutras parroquias, “engarza a vertente cultural, porque se trata de recuperar unha tradición e facela visible, e turística, porque se da a coñecer”. A exaltación terá lugar no campo da festa de Rellas, “unha parroquia céntrica con dous colectivos que se entusiasmaron coa idea”, apuntou”.

Programa da cita

A xornada comezará ás 12.00 horas,  coa recreación da malla tradicional, que correrá a cargo de Aurelio Fernández Villaverde. Este último tamén acudiu a presentación onde dixo que contaría con dúas máquinas de mallar (unha delas duns 80 anos de antigüidade), e tamén co sistema de “petando no lavadoiro”. Tamén haberá un muiño e non faltará o palleiro. Na cita colaboran as sete panaderías do municipio, con postos de degustación de pan. Acompañaranse con produtos coma queixo ou chourizos. Tamén haberá postos de artesanía e a actuación da agrupación musical A volta do Agro, de Lugo. O xantar popular, cun menú composto por empanada, carne ao caldeiro, postre e café) terá un prezo de 12 euros. As reservas poden facerse ata o xoves 6 de setembro na Casa da Cultura de Silleda.

María José González comentou na presentación que esta xornada supón “unha gran oportunidade para exaltar o noso pan, dándolle un valor engadido, divulgando os seus beneficios e promocionando o seu consumo”. En nome das asociacións de Rellas falou Manuel Mato. “A xente de Rellas imos responder e todos marchará contentos”, dixo eloxiando o pan tradicional de Silleda.

Denominación de orixe

Durante a presentación, o concelleiro tamén falou sobre as peculariedades do pan da zona “onde hai iniciativas para facer unha denominación de orixe, máis todas para min serán erradas se non se conta con todo o produto do interior, de toda a comarca”, dixo apuntando que este tipo de iniciativas deben trascender “os localismos e contar cun pulo a nivel comarcal”.  Da Torre, que non descarta novas colaboracións cos pandeiros “dende o punto de vista científico e pedagóxico”, dixo que a cita era tamén unha homenaxe ao pintor Manuel Colmeiro, autor de varios cadros que recollen o traballo das panadeiras, coma o que sirve para promocionar esta primeira xornada en Rellas.

Publicado: 2012-09-02