App Store Carboeiro 
 
El tiempo en Silleda
Para el día

Por la Mañana

Por la Tarde

Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Inicio -> Noticias

O roteiro dos Carnabares, o EntroidoTour e o desfile de máscaras centras as celebracións do Entroido na capital de Trasdeza

-As parroquias de Parada, Graba e Laro tamén contarán coas súas citas na vindeira semana
-A participación da hostalería clave para a posta en marcha de iniciativas coma os Xantares de Entroido. As tapas típicas do entroido chegan tamén a Lamela, Bandeira e Graba.
-O programa do Entroido no municipio comeza mañá na parroquia de Lamela

Silleda, 1 de febreiro de 2013. Silleda recibe ao entroido cunha variada programación que chegará a diferentes localidades. O programa arranca mañá na parroquia de Lamela co desfile e o Alto dos Xenerais, e continuaría a vindeira fin de semana.

Ademais da cita da Bandeira, outro dos destacamentos tradicionais do entroido do Ulla (días 8 e 9), a celebración na honra de Don Carnal chegará ata Silleda, Parada, Graba e Laro.

Estas últimas citas foron presentadas hoxe polos membros dos distintos colectivos organizadores e polo responsable da Concellería de Cultura, Turismo e Participación Cidadá, Matías R. Da Torre. “Optouse por unha programación extensa e con actividades diversas co fin tamén de apuntalar esta celebración grazas aos colectivos que colaboraron”, sinalou o concelleiro sobre unha celebración “que debe partir do pobo”.

No caso de Silleda, tratarase de revitalizar a celebración con actividades toda a fin de semana. O venres e o sábado á noitiña haberá a Ruta dos Carnabares, con 25 establecementos nos que se servirán tapas típicas destas datas. Na Bandeira tamén participan todos os bares, en Lamela outros dous e tamén haberá cita o domingo en Graba. A iniciativa está organizada en colaboración con Adellís, que xa o ano pasado comezou a recuperar o ambiente de entroido en Silleda coa colocación de antigas fotos destas festas nos establecementos.

Ademais, o venres día 8 unha ducia de establecementos de Silleda (da rúa Cartaxena e do seu entroido) celebran o Tourentroido, un concurso de disfraces nos que os participantes deben percorrer os locais para conseguir puntuación. Haberá tres premios, para grupos (300 euros); parellas (100 euros) e individual (50 euros).

O sábado a asociación Olaia organiza dúas citas nunha carpa que se instalará na praza da Feira Vella. Ás 17.00 horas haberá o Entroidiño Infantil, unha cita para os cativos/as con animación e chocolatada, e pola noite (22.30) haberá unha baile de entroido coa temática dos anos 70, 80 e 90, con premios aos disfraces que mellor representen estas décadas. Actuarán o grupo Somos III e un DJ.

Xa o domingo día 10 celebrarase o desfile de entroido dende a rúa Condes do Deza, cun fin de festa a cargo do Dúo Punto Zero. Haberá premios ás comparsas, as mellores parellas e individuais. No desfile participa activamente a Banda de Música de Silleda e a Escola Municipal de Música cunha comparsa na que participan todo o alumnado. A Asociación Feiral Semana Verde dará un premio ao que mellor represente a cultura rural.

Cita en Parada e estrea en Graba

Tamén en Parada a Asociación de Veciños da parroquia organiza o seu entroido o vindeiro venres día 8 a partir das 22.00 horas, coa degustación de doces tradicionais e como novidade un concurso de máscaras con premios. O baile estará amenizado polo Dúo Master.

En Graba, a cita será o domingo día 10 antes do xantar, da man de Coto do Castelo, nunha cita na que non faltarán cabezudos, gaiteiros e postres do entroido.
Así mesmo, o luns 11 non faltará o tradicional baile infantil no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira e o martes a cita para os máis cativos será en Laro, co Feirón de Entroido organizado polas Mulleres Rurais O Candán.

Promoción na hostalería

O tempo de entroido chega a Silleda tamén coa promoción específica en restaurantes, cos Xantares de Entroido. Participan Victorino da Bandeira, Casa de Xantar A Culler, O que dirán e Tapería Pulpería Carballeira do Chousiño, con variados menús.

Da Torre agradeceu aos colectivos a súa participación, en especial ao sector da hostalería pola súa aportación á hora de dinamizar o municipio con estas actividades.

Publicado: 2013-02-01