App Store Carboeiro 
 
El tiempo en Silleda
Para el día 20/11/2017

Por la Mañana

Por la Tarde

Mínima: 19
Máxima: 4
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Inicio -> Noticias

Os Xenerais do Entroido da Bandeira e Lamela participaron no acto de recoñecemento á tradición única da Ulla

Silleda, 18 de xaneiro de 2014. O Concello de Silleda estivo hoxe presente no acto de recoñecemento ás persoas e entidades que organizan o Entroido do Ulla na comarca, con representación dos 8 municipios que comparten esta celebración, e que tivo lugar no auditorio do Museo do Pobo Galego. O alcalde, Manuel Cuíña, e a concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Campos, encabezaron a delegación con membros das asociacións da Bandeira e Lamela.

O rexedor foi o encargado de entregar aos xenerais silledenses o agasallo institucional, consistente nunha figura de Sargadelos que representa un xeneral a cabalo. Por parte da Agrupación de Xenerais de Lamela, Anxela, que abrirá os actos do entroido o vindeiro 22 de febreiro na comarca, recolleu o galardón Alfredo Espiño Brea, e no caso da Bandeira o encargado de recollelo foi Brais Cangas Costa, que tamén realizou a intervención en nome dos organizadores silledenses.

O xeneral da Bandeira, onde o entroido volta o 1 de marzo, fixo unha intervención con unha arenga: “Vimos a Compostela festexar titulación, satisfeitos ata agora pero con moita precaución. Aproveitando autoridades de tantas institucións temos que pedirvos máis apoio para manter tan ancestra tradición. Sen máis me despido agradecendo a atención, pero non retirarei as tropas ata que se atenda a petición”.

Tamén agradeceron o recoñecemento os representantes das distintas parroquias dos 87 municipios restantes (A Estrada, Boqueixón, Santiago, Teo, Touro ,Vedra e Vila de Cruces), solicitando así mesmo apoio institucional para manter as celebracións.

O acto comezou coa intervención do profesor González Reboredo, que fixo unha semblanza histórica e antropolóxica dunha manifestación “con unha singularidade única en Europa”, e a súa relación co entorno rural. Tamén participaron no acto o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde anfitrión, Ángel Currás, que lembrou que os 8 concellos se xuntaron hai dous anos para acadar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego, un pulo a este patrimonio inmaterial que comparten os municipios da comarca compostelana.

No Museo compostelano xa se pode ver unha mostra con 60 fotografías do Entroido da Ulla que se abriu logo de rematar o acto. Tamén se celebrou unha degustación de produtos típicos da zona, na que non faltou representación silledense.

Dende o Concello, agradécese a colaboración de establecementos e asociacións que aportaron produtos gastronómicos locais. Así, o alcalde Manuel Cuíña fixo extensivo o agradecemento á panadería Mella, que aportou varios tipos de pan (de trigo, trigo con pasas e pan de millo); ás confiterías Tábora e Dulce Deza, que aportaron melindres e outros postres; á Artesa de Maica, que aportou empanada da Bandeira e á Asociación de Veciños de Abades, polas súas rosquillas.

 

Así mesmo, dende o goberno municipal, agradécese o traballo realizado por todas aquelas persoas e agrupacións que traballaron e traballan pola pervivencia dunha tradición que se remonta ao século XIX, e que agora vén de ser recoñecida coa declaración de interese turístico.

Publicado: 2014-01-20