App Store Carboeiro 
 
El tiempo en Silleda
Para el día 19/11/2017

Por la Mañana

Por la Tarde

Mínima: 22
Máxima: 5
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Inicio -> Noticias

O entroido no municipio de Silleda arranca o día 7 de febreiro coa cita en Lamela

Silleda, 31 de xaneiro de 2015. O programa festivo de entroido no municipio de Silleda arranca o vindeiro sábado día 7. As actividades foron presentadas hoxe no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira por parte dos colectivos organizadores e da concelleira de Turismo, Margarita Campos, que agradeceu o esforzo das entidades participantes.

O programa vai do 7 ao 17 con distintas propostas e o tradicional entroido do Ulla como protagonista.

 

A parroquia de Lamela será a primeira parada do percorrido o vindeiro sábado día 7. A partir das 16.00 horas comezará o tradicional desfile de carrozas e no campo da festa a batalla dialéctica abrirase co Encontro de Campesinos. Segundo explicou Alfredo Espiño, representante da Asociación de Xenerais de Lamela (Anxela), a continuación terá lugar o tradicional Alto dos Xenerais. Haberá karaoke e o fin de festa correrá a cargo do DJ Quico Riviera.

 

As actividades voltan a seguinte fin de semana. O venres día 13 haberá no restaurante Coteliño un xantar con baile de disfraces para os maiores, organizado pola Concellería de Participación Cidadá. E pola noite na Bandeira comezan as actividades festivas coa vellada e o desfile do tractor filloeiro, que partirá dende a praza da Feira pasando pola rúa Ramón de Valenzuela, rúa Xeral e Camilo José Cela. Xes Diéguez, da Asociación de Xenerais do Entroido da Bandeira, explicou que o percorrido está previsto entre as 20.00 e as 00.00 horas.

O sábado 14 chega o día grande da localidade. Pola mañá, a partir das 12.30 terá lugar a representación itinerante da obra A vinganza de Don Casmurro, protagonizada por cabezudos e que tamén percorrerá a vila, comezando e rematando na praza da Feira, acompañados da música de Os Homes sen Medo.

Pola tarde, a partir das 15.15 xuntaranse na praza do auditorio as mascaradas e parrandas para iniciar o desfile. Na praza do Entroido, ás 17.30 os xenerais da Ulla toman a palabra comezando polo Alto Infantil, protagonizado por alumnos do CEIP da Bandeira. Logo chegará o agardado Alto dos Xenerais e pola noite a festa continuará cun baile de disfraces no pavillón da localidade amenizado polo Dúo Azahara e Dúo Manhattan.

En Silleda tamén na xornada do sábado a asociación de veciños Olaia organiza de novo unha festa de entroido infantil, a partir das 17.00 horas no pavillón municipal. O presidente do colectivo, Rosendo Estévez, explicou que haberá baile a animación e unha merenda gratuita para todos os asistentes, que rematará con desgustación de chocolate e rosca. Como novidade, e a través da colaboración de ECOS haberá un sorteo de agasallos para os nenos/as que participen.

Tamén en Parada a asociación de veciños organiza como vén sendo habitual a cea baile de disfraces, na que non faltarán os postres típicos destas datas. Será tamén o sábado 14 no centro social da localidade.

Na Bandeira outra das citas habituais volta o luns 16 co Entroido Infantil da man da Asociación Cultural Vista Alegre. María Jesús Penela explicou na presentación que este ano a animación correrá a cargo do home Orquesta Cé Orquesta Pantasma. Será a partir das 17.00 horas.

Tamén lembrou que neste centro continúa aberta ata o vindeiro 23 a exposición de disfraces confeccionados a man polos veciños e veciñas da vila, e a proxección de vídeos antigos do Entroido da Bandeira.  Foi precisamente esta mostra, que está a acadar un grande éxito, a que motivou a presentación de hoxe na Bandeira, como explicou Margarita Campos.

Por último o martes de entroido Laro pecha o cartel de actividades con un acto organizado pola recén creada Asociación de Veciños de Laro. A súa presidenta, Alicia Saa explicou que a partir das 16.00 horas, celebrarase no centro social un entroido de convivencia entre pequenos e maiores, con animación musical, xogos e desgustación de postres de carnaval.

Entroido Gastronómico a partir de mañá

A concelleira Margarita Campos reiterou en nome do Concello o agradecemento aos colectivos participantes polo traballo que supón organizar estas citas. Así mesmo lembrou o traballo que se está a realizar no ámbito intermunicipal para a posta en valor do tradicional entroido do Ulla e a dinamización turística. Así recordou que dende o grupo Xenerais da Ulla, do que forma parte Silleda se editaron máis de 3.000 folletos desplegables en tres idiomas (galego, castelán e inglés) co programa deste ano, carteis e outros materiais de difusión como a publicación do entroido gastronómico que arranca mañá coa oferta de distintos restaurantes (8 deles de Silleda).

Tamén reseñou as unidades didácticas sobre o entroido do Ulla que a vindeira semana se presentarán aos centros educativos de Infantil e Primaria do municipio.

Promoción de Área de Santiago no CAB Obradoiro

Por outra banda hoxe mesmo o grupo Área de Santiago tamén promocionará a súa oferta turística no pavillón multiusos de Santiago, durante o encontro de baloncesto do CAB Obradoiro, tamén co entroido e a gastronomía da zona como un dos alicientes.

 

 

 

 

 

 

 

 

Publicado: 2015-02-02