App Store Carboeiro 
 
El tiempo en Silleda
Para el día

Por la Mañana

Por la Tarde

Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Inicio -> Noticias

Rematado o roteiro de interpretación do Románico en Silleda

Silleda,  16 de outubro de 2015. O Concello de Silleda vén de rematar a mellora da sinalización do patrimonio románico do municipio, coa renovación do roteiro en torno a este estilo arquitectónico .

Esta iniciativa, cunha inversión de  11.600 euros (9.500 euros máis IVE) recibiu o visto bo da Axencia de Turismo de Galicia, acadando unha axuda de 5.464 euros (o 57% do orzamento) a través das subvencións  a concellos para fomento de accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos no medio rural. 

A empresa adxudicataria dos traballos, Emsé Deseño Gráfico, rematou a dotación dos nove paneis informativos noutros tantos templos románicos do territorio municipal (6 de formato vertical e outros tres en atril).

“Con esta actuación renovamos o roteiro que se realizou en 2007, con sinais xa moi deterioradas, e completando a información tanto gráfica como escrita”, indica a concelleira de Turismo, Ana Luisa González.

Así, ademais do mosteiro de Carboeiro, considerada a grande xoia do románico oxival galego, e primeiro punto desta ruta, conforman o roteiro a igrexa de Santiago de Breixa, San Pedro de Ansemil, o conxunto relixoso de Abades; San Martiño de Dornelas; San Salvador de Escuadro; San Martiño de Fiestras; Santiago de Taboada e San Mamede de O Castro.

 

Os paneis incorporan texto en dous idiomas (galego e castelán), imaxes dos nove templos silledenses e cógidos QR, que derivan aos usuarios á web turismosilleda.es. Estes códigos están deseñados para incorporar nun futuro audioguías en varios idiomas.

 

No tocante ás imaxes, os paneis renóvanse con maior presenza de imaxes do interior das igrexas, sobre todo tendo en conta que a maioría non contan con horario establecido de apertura ao público.

 

Nos últimos anos a influenza do sector turístico deixouse notar con forza no municipio, destacando entre os recursos do territorio silledenses os de tipo histórico, patrimonial e artístico-relixioso.

Logo de dar os primeiros pasos no ano 2007 para unha primeira sinalización dos templos románicos, con este proxecto, búscase crear un sistema de sinalización de uso público para a interpretación do patrimonio relixioso no termo municipal de Silleda.

“Quixemos  mellorar o proxecto anterior ofrecendo aos milleiros de visitantes que se achegan cada ano a Silleda, en particular aos que optan por un turismo de tipo cultural,  un novo aliciente, promocionando os moitos exemplos do estilo románico que temos nas parroquias”, engade a concelleira de Turismo, Ana Luisa González.

 

Sala con todos os recursos en Carboeiro

Emse Deseño Gráfico presentou como mellora no proceso de adxudicación  a creación, a maiores, doutra interesante iniciativa no plano da promoción turística. Trátase de crear en Carboeiro un espazo ou sala onde haxa información e imaxes de todos os recursos turísticos do municipio de Silleda (roteiros, espazos naturais…). Con isto búscase concentrar toda a información e recursos turísticos de Silleda no punto con maior afluenza de visitantes, o mosteiro de Carboeiro, o emblema turístico por excelencia da comarca do Deza.

Esta dotación iniciarase nos vindeiro días nas dependencias monacais.

 

 

 

Publicado: 2015-10-19