App Store Carboeiro 
 
El tiempo en Silleda
Para el día

Por la Mañana

Por la Tarde

Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Inicio -> Noticias

Novo horario de verán no mosteiro de Carboeiro

O mosteiro de Carboeiro modifica o seu horario de visita para adaptalo ao verán, e aproveitar máis a luz natural, así como dar máis cobertura aos turistas que soen aumentar a afluencia ao enclave con motivo das vacacións e o bo tempo.

Así o horario de apertura será de martes a venres, (os luns continuará pechado ao público) de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.30 horas. Os sábados, domingos, e festivos, o horario será continuado, de 11.00 a 20.30 horas. En todos os casos, o acceso ao enclave e a venda de entradas efectuarase ata ás 20.00 horas.

Os prezos seguen sen variacións. Así, a entrada simple custa 1 euro, a visita guiada 3 euros, e a visita didáctica 4€. Os colectivos de rapaces de entre 6 e 16 anos, así coma os estudantes e desempregados poderán acollerse á entrada reducida, pagando 0,70€ pola entrada simple, 2,10€ pola visita guiada e 2,80€ pola visita didáctica. A entrada para os menores de 6 anos non terá custe algún.

 

Este horario de verán aplicarase ata novo aviso do departamento municipal de turismo, que dirixe a concelleira Ana Luisa González Costa.

Carboeiro segue reafirmándose coma o buque insignia do turismo na comarca do Deza, cun progresivo aumento das visitas, en continua liña ascendente cada ano.

Así, e segundo os datos recadados polos guías que atenden o mosteiro, o pasado mes de xullo achegáronse ata este enclave patrimonial un total de 1.738 persoas, 46 máis ca no mesmo mes do ano pasado e mais de 600 ca en xullo de 2014, cando se rexistraron 1.136 visitas.

No que vai de ano, o mes de xuño volveu a ser o de maior afluencia de público cun total de 2.622 entradas. No balance do que levamos de 2016 destaca tamén o número de visitas rexistradas en marzo, abril, e maio, superando en tódolos casos folgadamente as mil visitas.

No tocante ao  perfil xeral do visitante, este soe ser de persoas de mediana idade, (de entre 35 e 65 anos), procedentes de moi diversos lugares, segundo o mes que nos atopemos. Nos meses de inverno achéganse ao enclave máis persoas de Galicia, sobre todo da provincia de Pontevedra, máis concretamente da zona do Deza, Vigo, e Pontevedra, seguíndolle moi de cerca a provincia de A Coruña, con numerosos visitantes de Santiago de Compostela.

Non obstante, nos meses de verán son os visitantes do resto de España os que máis acoden ao enclave, ben porque están de vacacións e queren disfrutar da gastronomía e a cultura galega, ou ben por escapar da calor que teñen nas súas zonas. Destaca a presenza de andaluces e madrileños.

En canto aos visitantes internacionais, aínda que son poucos en comparación cos españois, tamén hai afluencia de visitas de persoas de Francia, Suiza, Alemaña, Estados Unidos, Londres, Irlanda, Venezuela, Arxentina, Holanda, e mesmo Australia, entre outros.

Os datos dos primeiros sete meses do ano seguen a confirmar a tendencia alcista de Carboeiro, que en 2015 alcanzou 21.665 visitas, o récord histórico ata agora deste enclave turístico e patrimonial.

  

Publicado: 2016-08-18