App Store Carboeiro
 
O tempo en Silleda
Para o día

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Inicio -> Novas

O festival Espazos Sonoros recala no santuario de Abades o vindeiro sábado 27 de setembro

O festival Espazos Sonoros, de música en espazos de interese cultural recalará en Silleda o vindeiro mes de setembro. A cita será o sábado 27 de setembro, ás 19.00 horas, no santuario de Nosa Señora dos Desamparados de Abades, coa actuación do Coro E Ultreia, unha das formacións corais galegas máis recoñecidas, especializada na interpretación de repertorios medievais e renacentistas.

No recital, o coro estreará o repertorio titulado Os Gozos da Nosa Señora, unha romaxe musical ideada arredor do santuario de Abades, con versións de diferentes autores e épocas, de grande calidade literaria e musical.

O concerto de Música Antiga E Ultreia e os menestreis de 1500 terá lugar no santuario que preside o conxunto relixioso de Abades, no que se desenvolveu ao longo do tempo unha modesta pero intensa actividade musical, da que sabe hoxe grazas aos libros de fábrica do santuario.

Nas novenas da Nosa Señora dos Desamparados era costume antigamente contratar a acólitos-cantores que, xunto co organista, interpretaban os Godos da Nosa Señora, cantos devocionais adicados á virxe e con fonda tradición litúrxica, musical e literaria na Península (Gonzalo de berceo, as Cantigas de Santa María, ou o Llivre Vermell de Montserrat, entre outros).

Xa pola mañá, dende a Concellería de Cultura, Turismo do Concello de Silleda, coa colaboración da Granxa Escola Fervenza do Toxa e da Asociación de Veciños A Costa de Abades, comezará a xornada de patrimonio, natureza e lecer que baixo o lema Abades a través da historia, propón un roteiro de sendeirismo a realizar en dúas etapas.

Así, ás 10.00 horas, a aproveitando que Espazos Sonoros  chega á zona do Baixo Deza, terá lugar a primeira das citas, con unha ruta circular que partirá dende Abades cara a Mámoa da Chousa Nova, considerada a máis antiga de Galicia, o pazo da Viña, a estación ferroviaria de Abades, a ponte do Cotiño os muiños do río Cervañiña e a fervenza da  Burata.

Logo do xantar previsto para as 14.00 horas na Granxa Escola, a segunda etapa comezará ás 16.00 horas con visita ao conxunto relixioso de Abades, formado pola igrexa parroquial, onde se celebrará o concerto, a igrexa románica de Santa María, a casa reitoral e o cruceiro.

Tamén ás 17.30 haberá unha degustación e obradoiro de rosquillas de Abades.

“Con esta xornada, que culminará co recreación do ambiente musical no fermoso santuario, trataremos de poñer en valor esta parroquia do noso municipio”, explica a concelleira, Margarita Campos.

 

 

Publicado: 16/09/2014