Inicio -> Novas |
O mosteiro de Carboeiro superou no ano 2015 os vinte mil visitantesSilleda, 1 de xaneiro de 2016. O pasado 2015 foi un ano de extraordinaria afluencia de visitantes ao mosteiro románico de Carboeiro. O cómputo total do exercicio sitúase en 21.665 persoas, unha cifra de récord absoluto ata o momento. Estes datos supoñen un considerable aumento respecto ao ano 2014, cando o total de visitas se situou en 16.117 , co que o incremento foi de 5.558 persoas máis. A evolución progresiva de visitas a este monumento histórico e ao seu entorno confirma a Carboeiro como un dos emblemas turísticos de toda a comarca do Deza. “Dos 13.584 visitantes en 2013 pasamos agora a máis de 21.000 entradas, o que supón sen dúbida todo un espaldarazo no ámbito turístico”, sinala a concelleira de Turismo, Ana Luisa González. Ao igual que xa ocurrirá o pasado ano, o incremento de visitas en grupos e de excursións, sobre todo fora da época estival, está tamén detrás deste considerable aumento. “Estes datos reflexan a gran capacidade do mosteiro de Carboeiro que segue a ser o buque insignia no plano turístico de Silleda e tamén un dos monumentos máis visitados da comarca do Deza”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, destacando a evolución e a elevada afluenza de visitantes nos últimos tres anos. Estes datos foron recollidos nos controis realizados polos/as guías do punto de información turístico, sito precisamente no mosteiro, empregando distintas enquisas, e con pouco marxe de erro respecto ás entradas rexistradas. A celebración de exposicións e de outras actividades complementarias tamén contribuiu ao longo do pasado ano a reforzar as visitas á xoia do románico oxival e ao seu entorno. Dende o departamento municipal de Turismo véñense realizando tamén nos últimos anos distintas actuacións para mellorar precisamente o acceso dos milleiros de persoas que se achegan ata Carboeiro. Á creación de planos-guía, ou de luces automáticas nos aseos ou na baixada á cripta, son algunhas das melloras acometidas recentemente sumouse o pasado 2015 o proxecto Auga e Pedra, realizado dende o Concello de Silleda e que obtivo o 100% da financiación solicitada ao abeiro das axudas para municipios con zonas en Rede Natura 2000. Con esta actuación mellorouse a sinalización do entorno de Carboeiro e da Fervenza do Toxa, os dous grandes referentes do turismo en Trasdeza aos que une ademais a chamada Senda do Deza. O proxecto incluiu ademais a creación da Senda Botánica da Abadía, na que se recollen ata 22 especies de árbores e prantas autóctonas situadas no fermoso entorno do mosteiro, unha iniciativa para continuar poñendo en valor este enclave. No resumo por meses, agosto volve confirmarse coma o de maior afluenza, rexistrando o pasado ano 2015 un total de 3.600 visitas. Xuño foi o segundo con máis número de visitas cun total de 2.665, seguido de marzo, con 2.502 e abril con 2.170 visitantes. Durante a tempada estival, ao igual que en anos anteriores o mosteiro estivo aberto todos os días ao público. En xaneiro e febreiro rexistráronse –respectivamente- 691 e 1.041 entradas. En maio foron 1.985 as persoas que accederon ao mosteiro; 2.012 en setembro; 1.411 en outubro; 1.221 en novembro e o pasado mes de decembro pechábase o martes con outras 677 entradas. “Dende o Concello de Silleda seguiremos apostando por mellorar e dinamizar os nosos recursos turísticos, dos que Carboeiro segue sendo –como confirman estes datos- o gran baluarte”, indica a concelleira de Turismo.
Publicado: 05/01/2016 |