App Store Carboeiro
 
O tempo en Silleda
Para o día

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Inicio -> Novas

O Entroido dos dos Xenerais da Ulla incorpora paquetes turísticos, unha exposición e monicreques

7 de febreiro de 2017. O Entroido da Ulla está xa ás portas. O Pazo de Raxoi acolleu a presentación do programa do Entroido dos Xenerais da Ulla, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2013. O programa está organizado polos oito concellos da comarca Ulla nos que se celebra, A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces. Esa edición celebrarase do 11 de febreiro ao 5 de marzo.

 

Na rolda de prensa de presentación participaron os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; Vedra, Carlos Martínez; Boqueixón, Manuel Fernández; Touro, Ignacio Codesido; Vila de Cruces, Jesús Otero; e Silleda, Manuel Cuíña; as concelleiras de Turismo de Santiago, Marta Lois, e de Teo, Conchi García; e o concelleiro de Medio Rural da Estrada, Juan Manuel Constenla. No acto, celebrado no salón vermello de Raxoi, recreouse un alto por parte de catro xenerais, dous de Boqueixón e dous de Vila de Cruces. Tamén se presentou un vídeo sobre os Xenerais da Ulla na comarca elaborado polo alumnado do IES de Chacheiras co apoio dos oito concellos. O vídeo pode verse en YouTube.

Neste ano celebraranse 28 altos ou atranques en distintos lugares e parroquias dos oito concellos que colaboran nesta celebración. Dunha parroquia a outra, o Entroido da Ulla presenta pequenas diferenzas, mantendo cada un deles trazos definitorios que os fan únicos. Xenerais e correos engalanados conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do entroido tradicional galego.

Excursións e exposición fotográfica 
Como novidade, este ano poderanse coñecer os Xenerais da Ulla e o seu territorio en excursións con saída dende Santiago. Os atractivos turísticos que hai neste tempo de Entroido moi preto de Santiago agrupáronse en paquetes turísticos coa colaboración de Área Santiago e Viaxes Alma Gaia. Así, os días 11, 25 e 28 de febreiro haberá excursións para coñecer os pazos da Ulla, as paisaxes deste val e os atranques de Vilanova (Vedra) e Fao (Touro).

Estas excursións inclúen nos seus itinerarios a visita á exposición fotográfica dos Xenerais da Ulla, que estará situada na Casa dos Peóns, no Concello de Vedra. Trátase dunha exposición de fotografías escollidas, cheas de cor, que recollen a esencia e carácter do entroido rural tradicional dos Xenerais da Ulla. A mostra reúne un total de 60 imaxes, acompañadas de coplas ou atranques.

Monicreques 
Outra das novidades para este Entroido será o ciclo de representacións de monicreques As Xeneralas da Ulla, de Títeres Cachirulo. O espectáculo, para todos os públicos, será de acceso libre e percorrerá os oito concellos nos que se mantén viva esta tradición. Este espectáculo de marionetas de madeira represéntano dúas xeneralas e dúas correos que percorren as rúas dacabalo dando vivas e facendo os seus atranques.

Tradición recuperada 
O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Os oito concellos nos que se celebra o Entroido traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festividade dende o 2011.

As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun "exército" de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.

Toda a información e o programa do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com e nas distintas contas que o grupo dos oito Concellos está impulsando nas principais redes sociais para promocionar o evento: FacebookTwitter e Instagram

Publicado: 08/02/2017