San Martiño de Fiestras, é unha parroquia antiga como o demostra o nome do seu titular ou os das súas aldeas Aragonza e Recimil.
Á mesma igrexa accédese por unha elegante escaleira con cruceiro, inspirada no barroco compostelán. No resto da fábrica, todo o conxunto, especialmente a ábsida, evocan unha primitiva e fermosa estrutura románica, caracterizada por algúns canzorros, metopas circulares de clara tendencia prerrománica, fiestra de cabeceira, ábsida rectangular e Agnus Dei.
Algúns dos seus elementos fan pensar mesmo nunha construción anterior con influencias visigóticas.
No seu interior destaca un arcosolio con estatua xacente, que pode ser o sepulcro dun abade da parroquia.