Xenerais da Ulla
 
O tempo en Silleda
Para o día 02/10/2014

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima: 16
Máxima: 29
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Mosteiro de Carboeiro
 
Inicio -> Mosteiro de Carboeiro

Mosteiro de Carboeiro

Como obra arquitectónica do románico de transición a un gótico serodio, constitúe un dos monumentos máis característicos da arte medieval galega, influenciado polas manifestacións artísticas compostelanas, en concreto polo estilo que o Mestre Mateo desenvolveu na catedral de Santiago.

A súa xestación comezaría nos primeiros anos do S. X, ano 936, na propiedade dun ermitán chamado Egica, mercada polos fundadores do cenobio, Dona Tareixa Eiriz e Don Gonzalo Betote, condes de Deza. É no ano 939, finalizada a obra, cando se elixe ao presbítero Félix como primeiro abade da comunidade, e se consagra o convento coa presenza da propia condesa, do seu sobriño San Rosende e do bispo de Lugo, Don Ero, quedando a partir desta data baixo a protección real de Ramiro I de Léon.

O Padre Yepes fai referencia á fundación do Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro e aos seus fundadores, Condes Don Gonzalo e Dona Tareixa, nos seguintes termos:

Fue San Lorenzo de Carboeiro en tiempos pasados abadía, edificada en la era 974 por el Conde Don Gonzalo y por la Condesa Doña Teresa, como consta por carta de dotación, fecha la sobredicha era, que viene a ser el año de Cristo 936. Está fundado este Monasterio en tierra de Deza, ribera del rio llamado también Deza, que es en el obispado de Lugo. En aquel lugar hubo antiguamente una ermita que poseyó un hombre llamado Egica, y alrededor tenía algunas granjerías; todas se las compró el Conde Don Gonzalo y comenzó a fundar el Monasterio de San Lorenzo

ESPLENDOR E DECADENCIA:
O Abade Fernando

Os S. XII e XIII son os de máis esplendor. Carboeiro é no ano 1131, baixo a dirección do abade Froila, unha abadía importante con grandes propiedades, poder e influencia.

O abade Fernando, dende 1162 ata 1192, ampliou a igrexa. Nesta etapa o Mosteiro pertencía xa á orde de “Cluny”, e durante longo período mantén unha rica facenda. Durante o S. XVI, os preitos, a deixadez e mala administración, levan á comunidade á ruina, e xa no 1500 por orde dos Reis Católicos, relégase á categoría de priorato, como granxa de San Martiño Pinario de Santiago, prolongándose o seu esmorecemento, incluso pasando como cárcere construída para monxes no ano 1794, e xa  ata 1836, co abandono total do mesmo, coincidindo coa desamortización de Mendizábal.

  • Inscricións
  • A Igrexa
  • Carboeiro: López Ferreiro

Coñécense varias inscricións do Mosteiro. Moitas desapareceron. Na cripta hai a seguinte:

ERA MCCVIIII  KALENDAS IY / Corresponde ao 1 de xuño de 1171.

Xa no interior da igrexa, no muro meridional, á dereita, colocada á altura da vista, aparerece a incrición fundacional.

O mesmo Abade fai referencia a unha inscrición dunha lousa sepulcral, hoxe desaparecida.

A tradución dos entendidos reza así:

“En este túmulo yace el venerable Abad Fernando. Los reyes, los magnates, los próceres y poderosos del reino son testigos de la pureza de sus costumbres y lo aclaman bienaventurado. Fue ilustre, magnánimo y siempre amigo de la probidad.

Goce en paz Fernando en la morada del cielo.
El 13 de febrero de 1192."

Na fachada principal, ao lado dereito, hai outra inscrición moi deteriorada.

A súa lectura é:

ERA DOMINI MILLESIMA TRECENTESIMA SEXAGESIMA / É decir: Ano 1360.

Por outra banda, e a modo de curiosidade, as marcas de canteiro son moi abundantes e moi variadas en Carboeiro: hai pes, pes invertidos, bes, círculos cruzados por unha raia, efes, etc.

De estilo románico, a súa construción data do S. XII. A pranta da igrexa é de cruz latina con tres naves e cruceiro. Poderíase asegurar que o autor do Pórtico da Gloria, o Mestre Mateo, foi quen deseñou os planos desta igresa basilical, inspirada no románico compostelano. A destacar, a gran cabeceira con tres ábsidas radiais, a cripta baixo a cabeceira, construída de forma obrigada pola grande pendente do terreo e a decoración vexetal dos capiteis. Na fachada principal, como parte máis vistosa, nas arquivoltas, desenvólvese o tema dos anciáns da Apocalipse, aínda que en número de vintetrés.

Estas descricións están entresacadas do libro, "O niño de pombas” de López Ferreiro, reporteiro no tempo:

A igrexa: “ … a pranta d´ela componse de tres naves, un cruceiro, o ábside principal que se pode andar todo ao redor, e outros cinco ábsides máis pequenos…”

As naves: “ … a do medio ten de ancho o dobre daqs oturas, estaban estremadas por seis machóns de prant cadrada, tres de cada banda… A nave do medio estaba cuberta de artesonado… As naves d´os lados estaban cubertas de esas bóvedas de nervaduras…”

 O cruceiro: “… estaba tamén cuberto de artesonado que sostiñan catro arcos… a os estremos do cruceiro estaban duas capillitas cuase redondas…”

A xirola: “... na chirola, como dixemos, desembocaban tres capelas ausidales. A do medio, que viña á ser coma a cabeceira d´a eirexa, era un pouco maor que as outras e estaba adicada á San Benito. A d´a dereita staba adicada á Nosa Señora de Belén, e a outra servía de sancristía….”

 Ornamentación: “... os capiteles son parecidos á os d´a Catedral de Santiago e con esto xa está Dito todo…”

As torres: “... N-a pranta estaban incruidas tres torres, unha sobre o estribo que stá á esquerda d´a porta principal, e duas a entrada d´a chirola antes d´as capelas d´os lados. AS tres se servían por escaleiras de caracol metidas n-a parede; e n-as d´os lados dá chirola, esta mismas escaleiras que daban subida as torres, baixaban á a espaciosa cripta…”

Pequena tribuna: “ ... ocupaba casi o mesmo tarreo que o áuside principal, a chirola e as tres capelas ausidales. A bóveda d´a cripta estaba montada sobre as paredes e cinco recios machóns redondos. Tiña tamén tres capelas ausidales…”

Banco de pedra arredor: “..todo ao rédor d´a eirexa, arrimado á as paredes, corría un banco de pedra , que servía de zócalo e tiña matada a arista d´a beira c´un baquetón…”

Alumeado: “… A eirexa estaba alumeada por nove grandes rosas caladas,  tres n-a fachada e as outras seis n-os dous estremos do cruceiro, e máis por vinte e oito, máis que ventaas, regandixas coma as que se estilaban n-aquel tempo…”

Portas: “… ademáis d´a principal, aberta por suposto n-a fachada do Poniente, entrábase n-a eirexa por outras tres portas laterales (…) Todas estas portas, po-la parte d´afora, tiñan as súas culunas e archivoltas e o seu tímpano ou dintel semicircular ca-suas estatuasa de santos. A porta principal, por suposto, era a máis adornada. Subíase a ela por cinco pasos de escaleira..(…) de cada lado tiña catro recantos e en cada recanto unha culuna;”

Pinturas: “… aínda había outras duas cousas, que por elas mericía esta eirexa que todol-os gallegos a mirasen coma a meniña dos seus ollos. Refirome n-esto á as pinturas que cubrían as paredes d´a capela que servía de sancristía… (…)
 A primeira vez que estiven n-esta eirexa ( e xa hay anos) ainda tuven a fortuna de poder contemplar a ademirar as ditas pinturas que anque xa moy deslucidas ou case borradas, premitian por eso formarse algunha ideya do asunto que alí estaba representado….”

Situación:
Está  localizado na parroquia de Santa María de Carboeiro á beira do río Deza, aproveitando un meandro do propio río e ao abeiro do Couto  Costoia, nunha abrupta pero fermosísima paraxe, no territorio que se deu en chamar “Trasdeza” ao seren vista polos cartógrafos lucenses, ao outro lado do Deza.

Curiosidades

Segundo conta o P. Yepes, a principios do S. XVIII,  en Carboeiro "Se veneró una espina de la corona del señor que estaba en una pieza de cristal muy bien labrada, de hechura de una cuchilla de lanza”. Esta fora roubada polo ano 1550.

No ano 1965, filmouse unha película titulada Cotolay, o carboeiro compostelán que a comezos do S.XII axudou a San Francisco de Asís a fundar en Santiago o seu primeiro convento en Galicia. No ano 1973 serviu de fondo para Flor de Santidad de Valle Inclán, con dirección de Adofo Marsillach. Máis recentemente, tén sido estudo de gravación de cinema para películas tan interesantes como:  La Ley de la Frontera (1995) de Adolfo Aristarain, Quart (2006), basada na obra de Arturo Pérez Reverte “Piel del Tambor”,  Reliquias (2011) serie da TVG e  Piratas (2011) de TV5, e plató habitual de actores de gran fama como Sancho Gracia, Agustín González, Aitana Sánchez Gijón, Achero Mañas, Luis Tosar ou mesmo Charlton Heston que no ano 1999 estivo no Mosteiro rodando unha mini serie sobre o Camiño de Santiago para Antena 3.

Coñece o Mosteiro

Para achegar ao público en xeral o valor do Mosteiro de Carboeiro, a Asociación Socio Cultural de Silleda, Adellís, iniciou un proxecto no que se ofrecen visitas guiadas, previo pago, con completas explicacións sobre esta importante mostra da arquitectura medieval de Galicia. Esta actividade foi financiado con fondos europeos a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER.

Esta iniciativa, ademais de defender o patrimonio cultural, permite aos participantes trasladarse ata a Idade Media para coñecer como se construíu esta importante edificación, descubrindo ademais como era a vida diaria dos monxes do mosteiro.

  • Horario/Prezos
  • De martes a venres:
    14.00h a 20.00h
  • Sábados, domingos e festivos
    12.00 a 14.00 e de 15.00 a 20.00h
  • Luns: pechado
     
    Entrada Simple 1€

    Entrada Reducida 0,70€
  • Visita Guiada 3€
    Visita Guiada reduciada  2,10€
  • Visita Didáctica 4€
    Visita Didáctica reducida 2,80€
  • Reducción:
    Xubilados, rapaces entre 6 e 16 anos, estudantes, desempregados.

    Sen entrada:
    Menores de 6 anos

www.mosteirodecarboeiro.com