App Store Carboeiro
 
O tempo en Silleda
Para o día 20/11/2017

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima: 5
Máxima: 19
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Inicio -> Novas

A Festa da Empanada, de interese turístico, cumple 40 anos o vindeiro sábado día 23

As Festas de Verán da Bandeira, coa empanada, como protagonista, voltan á vila silledense do 21 ao 24 de agosto próximos. A presentación da festa gastronómica, declarada de Interese Turístico e que dende hai xa 4 décadas xunta a preto de 10.000 persoas en torno a un dos pratos máis afamados da cociña galega, na carballeira da localidade, tivo lugar hoxe no Centro Cultural Vista Alegre.

 

Os festexos comezarán o xoves día 21 co XVI Bandeirock.

O festival, que terá lugar a partir das 22.00 horas na rúa Camilo José Cela, con protagonismo de formacións silledenses. Así, Pepe Luis Blanco, membro da organización explicou que ademais do grupo anfitrión, Kona ke te fixo, estarán presentes Barrio Rojo e Pujolandia, integrados por xente de Silleda e a banda compostelana de blues eléctrico Fifty fifty Blues Band. O concerto volverá a ter coma en 2013 un carácter solidario, recollendo alimentos non perecedeiros que se entregarán ao programa municipal Silleda Solidaria, para as familias con menos recursos.

 

XVI Esmorga Folk

Na xornada do venres día 22, na que se procederá xa ao corte da estrada nacional 525 (o tráfico estará desviado ata a madrugada do luns), o programa arranca con diversas actividades pola tarde. Así, logo do corte da estrada nacional, previsto para as 16.00 horas  haberá xogos infantís. Ás 18.30 horas chega ao circuito de A Moa a III Exhibición de coches de Radio Control e ás 19.00 horas comezará a IV Ruta da Empanadilla. Un ano máis todos os establecementos hostaleiros da Bandeira servirán como apertivo á gran cita do sábado tapas a base de empanadillas. Participan: Bar Arume, Bar Atly, Bar Zaux, Hostal Conde Rey, Hotel Vitorino, Café Bar Totola, Mesón Bandeira, A Plazoleta, A de Tachy, Vinoteca Cadeira, Trécola, A Taberna do Músico, e O Refuxio).

 

Ás 20.00 horas o grupo Fortín da Pomba ofrecerá unha actuación na propia estrada xeral e unha hora despois, ás 21.00 horas terá lugar a cuarta edición do Campionato Interparroquial de Tiro á Corda, nas categorías masculina e feminina, con trofeos donados polo Concello de Silleda.

 O broche de ouro á xornada do venres chega co Esmorga Folk, un dos festivais máis senlleiros do panorama galego da música tradicional, que este ano cumpre o seu 26 aniversario. Na cita, segundo explicou Ana Codesido, da organización do certame actuarán catro formacións: Grupo de pandereteiras Tanxedoras de Vigo;  Os Folieiros de Lavadores, Os d’abaixo , de Compostela e Xistra, de Coruxo. A organizadora destacou que o cartel do que é o terceiro certame folk máis antigo de Galicia volve contar con música tradicional 100% e do país.

Xornada estrela: concurso e pregón

O sábado chega a cita estrela do programa, coa celebración da XL  Festa da Empanada, declarada de Interese Turístico Galego no ano 1999. A xornada abrirase co pasarrúas a cargo da Banda de Veteranos da Bandeira (11.00 horas), que darán un concerto ás 14.00 horas,  e a misa solemne na honra de Nosa Señora das Ermidas.

Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas arranca a cita coa gran protagonista da gastronomía silledense. O presidente da Asociación Amigos da Empanada da Bandeira, Diego Cuíña, explicou durante a presentación que as empanadas que se presenten a concurso recolleranse de 16.00 a 18.00 horas. Tamén aclarou que ao igual que o ano pasado a organización decidiu non realizar a poxa das pezas premiadas.

O pregoeiro desta edición será Luis Zahera, que xa ensalzou hai varios anos na Bandeira as excenlencias do versátil prato galego. O actor, que ten participado en numerosas series e longametraxes (recibiu premios pola súa interpretación en películas como Celda 211 ou Todo es silencio, entre outras) fíxose moi popular logo de dar vida a Petróleo, na serie galega Mareas Vivas. Ten ademais participado noutras series televisivas de éxito, como Sin tetas no hay paraíso. O cartel desta edición é obra de Andrea Dunia Díaz Casal, veciña da localidade e membro da directiva da asociación, e de José Faro.

 

Na cita non faltará a actuación do grupo local Xirandola nin o tradicional concurso de empanadas. En canto ao concurso, un xurado profesional xulgará o sabor, presentación e orixinalidade das empanadas que se presenten ao concurso, concedendo como sempre tres premios en dúas categorías: amas de casa e restaurantes e panaderías. Tamén haberá un premio á peza máis orixinal.  A xornada estará amenizada pola charanga XL.

O xurado estará formado por Rafael, de Casa Lodeiro de Ponte Ledesma; Natalia Guzmán, do restaurante O Refuxio de Merza; Diego López, de La Molinera de Lalín; e Adriana Abelleiro, de Sala Gradín, en A Estrada. Tamén formará parte do xurado Diego Taboada, veciño da Bandeira, e que o pasado ano gañou o premio na categoría de sabor tradicional.

Unha vez rematado o pregón, e logo da entrega dos premios, ás 21.00 horas haberá un espectáculo pirotécnico e sobre as 22.000 horas comezará a cea das peñas, na que se agarda superar as 10.000 persoas “tendo en conta que este ano a festa celebra o seu 40 aniversario”, apuntou o presidente

A verbena da multitudinaria xornada do  sábado na estrada N-525 estará amenizada polas orquestras Ismael e Aramio.

Petanca e  verbena o domingo

O domingo, último día das festas, comezará con todo un clásico: o Open Internacional de Petanca. O pasarrúas e concerto de mediodía correrá a cargo da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira e Banda Artística de Merza. Tamén se celebrará ás 13.00 horas a misa en honor a San Antonio. Xa pola tarde, ás 20.00 horas, terá lugar un concerto coas citadas bandas, que ás 22.00 ofrecerán unha sesión de bailables. Ás 23.30 haberá verbena coa Orquesta Troco.

Diego Cuiña agradeceu en nome da organización o apoio dos veciños e veciñas da Bandeira, e das empresas e comercios que están a colaborar coa festa, así coma dos socios e do Concello. Tamén apuntou que os veciños poden facer as aportacións económicas na conta que a comisión ten na entidade Abanca.

Na presentación interviron tamén a concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Campos, que reiterou o apoio do Concello “á festa de Silleda con máis proxección”, e descatou a mocidade dos organizadores aos que animou a continuar traballando. Pechou o acto o alcalde,  Manuel Cuíña, que pechou destacando a importancia da empanada, e agradecendo o esforzo dos organizadores e colaboradores. “Temos que concienciar aos veciños e veciñas da importancia que ten esta festa, a máis destacada do municipio, para que non decaia porque é xa unha das nosas señas de identidade”, engadiu.

Exposición de carteis

Durante a presentación tamén se inaugurou na sala de exposicións de Vista Alegre unha mostra cos 39 carteis que recollen a historia do certame gastronómico. Diego Cuiña e Dolores Sangiao, presidenta de Vista Alegre, abriron a exposición, con orixinais e artísticas creacións que poderá visitarse durante todo este mes en horario de 16.30 a 21.00 horas.

 

Actos conmemorativos nos vindeiros meses

Dende a Asociación Amigos da Empanada tamén prevén realizar nos vindeiros meses distintos actos para conmemorar o 40 aniversario da Festa da Empanada.

 

 

Publicado: 21/08/2014