Inicio -> Noticias |
O mosteiro de Carboeiro acolle de novo a exposición do Museo Casa do Patrón "A Escola Rural (1949-1950)”O mosteiro de Carboeiro acolle de novo a exposición do Museo Casa do Patrón "A Escola Rural (1949-1950)” Silleda, 13 de maio de 2014. As dependendencias do mosteiro de Carboeiro acollen dende hoxe e ata finais do verán unha mostra que reproduce unha escola tradicional do rural de mediados do século pasado (1940-1950), onde o público pode ver varios pupitres de distintas escolas, o encerado, a mesa e cadeira do profesor, así como diverso material escolar da época: mapas, libros, pizarras, pizarríns, cadernos,.... Estas pezas pertencen á Casa do Patrón de Doade (Lalín), un Museo Etnográfico que conta con máis de 2000m2 distribuídos en tres edificios, onde se expoñen máis de 3.500 pezas recollidas por toda a xeografía galega. O Museo conta con trece salas de exposición organizadas por temáticas, onde se poden observar máis de 85 oficios tradicionais, moitos deles xa desaparecidos. Esta exposición é froito de convenio de colaboración asinado o pasado ano entre o Concello de Silleda e outros centros culturais da comarca, entre eles o Museo Etnográfico Casa do Patrón, un acordo de promoción conxunta baixo o lema Museos do Rural, que tamén incopora á Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño e o Museo da Minería de Vila de Cruces. Os visitantes que se acheguen a Carboeiro poden contemplar pois na sala de exposición esta mostra, que tamén ten un fin didáctico sobre todo de cara ás visitas de grupos de escolares que se achegan ata o mosteiro silledense. De novo na Semana Verde Precisamente esta colaboración conxunta estrenouse o pasado ano na Feira Semana Verde de Galicia, con un stand promocional das citadas institucións que este ano volverán a ter presenza compartida no certame o vindeiro mes de xuño. Incorporación da bolseira de Feuga Por outra banda hoxe martes incorpórase a punto de información turística de Silleda, situado precisamente en Carboeiro, Isabel Sobrado García, como guía de formación en prácticas, a través da Feuga. En principio o horario de atención ao público continuará, de momento, co establecido o pasado día 15 de abril. Así o mosteiro estará pechado os luns e tamén os martes pola mañá (nesta xornada abre de 15.00 a 18.00 horas). Dende o mércores e ata o venres, o horario de atención e visita será de 12.00 a 14.00 e de 15.00 a 18.00 horas. Na fin de semana, sábados e domingos, e os festivos o horario de apertura será entre as 11.00 as 14.30 e de 15.00 a 18.00 horas.
De todos os xeitos, a intención do departamento municipal de Turismo, que dirixe Margarita Campos, é ampliar o horario de atención de cara á tempada estival, cando se rexistra o maior número de visitas. “Ao non poder contar co bolseiro de Turismo Rías Baixas, que viña realizando prácticas durante os 3 meses de verán nos dez últimos anos, teremos que buscar outras alternativas para abrir durante máis tempo o mosteiro no verán, facilitando o acceso aos milleiros de persoas que se achegan a coñecer este monumento e o seu entorno”, sinala a concelleira. Publicado: 2014-05-14 |