El tiempo en Silleda
Para el día Por la Mañana Por la Tarde Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
|
Inicio -> Noticias |
A II Xuntanza de Baile e Música tradicional reúne en Silleda este venres a nove agrupaciónsAs agrupacións de música e baile tradicional de Silleda volven a celebrar polo Nadal unha xuntanza que comezaba con éxito o pasado ano. Esta segunda edición, que terá lugar o venres día 6 a partir das 18.00 horas na Casa da Cultura, reunirá a un total de nove formacións musicais. Ademais das cantareiras O Son da Fervenza, de Escuadro, actuarán o Grupo de Gaitas da Escola de Música Municipal de Silleda; os gaiteiros Pau de Buxo, de Saídres; Xirandola, da Bandeira; Os Carqueixas; os gaiteiros A Pereiriña; Os Sin Son, e a acordeonista Rocío Mosquera, que vén colaborando e actuando con case todas as formacións citadas. Como grupo convidado, pechará o recital Tirabeque, de A Estrada. Ademais da acordeonista Rocío Mosquera, participaron na presentación do evento, Manuel Vidueiros, director de O Son da Fervenza, e Manuel Fernández Alén, alias Vícero, Mestre tamén de Pau de Buxo e veterano integrante de varias formacións ao igual que Vidueiros , xunto co concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez Da Torre. Este último advirteu que a data de Reis se escolleu para consolidar a xornada festiva en Silleda “ e tamén para que sexa o colofón da Feira de Reis, coa oferta de artesáns e artistas na praza Siñor Afranio”, indicou o concelleiro . Pola súa banda, Rocío Mosquera, sinalou que esta iniciativa “aporta valor á musica tradicional e serve para amosar tanto o traballo de grupos tradicionais como de outros que comezan, como é o caso da Pereiriña”. Na mesma liña, Manuel Vidueiros, avanzou que nos vindeiros anos xurdirán máis grupos en Silleda “xa que se está a vivir unha auténtica febre con clases de gaita e pandeireta en diversas parroquias do municipio”, engadiu. De feito reseñou que grupos como Pau de Buxo, A Pereiriña ou Son da Fervenza naceron precisamente da xuntanza de veciños, un fito que tamén reseñou Rodríguez da Torre, quen agradeceu ademais a participación desinteresada dos grupos na cita do venres. Publicado: 2012-01-05 |