App Store Carboeiro

O tempo en Silleda
Para o día 18/11/2017

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima: 5
Máxima: 24
Cortesía de Meteogalicia

Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Festas e Romarías

Inicio -> Festas e Romarías -> Festas Gastronómicas

Festas Gastronómicas

Silleda, por formar parte da Galicia interior e pola dedicación maioritaria á gandaría e agricultura, ofrece ao visitante unha gastronomía baseada en carnes de extraordinaria calidade e produtos da horta de especial significado.

A hospitalidade das súas xentes queda reflectida nas festas e romarías onde a gastronomía supón a nota dominante, sendo dos concellos de Galicia con máis eventos dedicados a este turismo tan particular. Aínda non hai moito tempo, había espalladas por toda a xeografía ata doce festas relacionadas co xantar ou a cea, nunha carballeira ou na casa. E aínda hoxe o turista pode coñecer a nosa xeografía a través do padal, mesa e mantel.

• Festa da
Empanada
• Festa da
Rosquilla
• Festa da
Tortilla
• Festa do
Lacón
• Festa da
Castaña
• Festa da
Paella
• Festa da
Carne ao Caldeiro
Lugar: Carballeira de Silva e Valladares.
Localidade: A Bandeira
Data: 3º sábado
Mes: agosto
Antigüidade: 1ª edición 1974
Coordenadas: X: 556.925 Y: 4.731.012 H: 29

Importancia: Festa Gastronómica declarada de Interese Turístico Galego polo Consello da Xunta, reunido en data 17 de xuño de 1999.

Actos: Pregón. Concurso-degustación. Entrega de Premios. Poxa empanadas gañadoras. Cea de Peñas. Festival Esmorga Folk de música tradicional.

A festa celébrase dende o ano 1974, e figura entre as festas máis sonadas de Galicia por ser a primeira en exaltar un produto tan galego e pola singularidade dos actos organizados, que sempre van da man da Asociación de Amigos da Empanada e das Peñas inscritas nun número preto das 150.

Organización: Fundamentalmente consiste na celebración dun concurso de empanadas nas categorías de restaurantes e amas de casa que pasa polas fases de presentación do produto, selección de finalistas, degustación e valoración por xurado experto.

Posteriormente remata coa poxa das premiadas e posterior consumo en grupos de personas organizados baixo a denominación de "Peñas".

Durante a xornada festiva sucédense diversos actos populares con actuacións de bandas de música, grupos de baile rexional e de música tradicional. Así o mandan as bases dos estatutos da organización.

O Festival Esmorga Folk

Hoxe adquiriu seña de identidade o Festival Esmorga Folk de claro contido “celta” e raíces populares. Comezou celebrándose o mesmo día da festa da empanada, e desde hai anos vénse realizando o día anterior ao gran acontecemento festivo-gastronómico. Por este festival pasaron grupos do máis alto nivel nacional e internacional, Carlos Núñez, Leilía, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Quempallou, A Roda, Os Cempés, Milladoiro ou Chieftains son algúns dos grupos que reuniron neste festival a miles de persoas.

Os Pregoeiros e Prestixiosos Convidados

Da importancia adquirida dan boa conta tanto o prezo acadado por unha empanada premiada, ata preto dos 3.000 euros, coma os pregoeiros que cada ano cantan as excelencias dun produto con identidade propia. Cabe lembrar persoaxes moi destacados da vida cultural como Camilo José Cela ou Alfredo Conde e da vida política como Manuel Fraga, Xerardo Fernández Albor, Xosé Cuiña, José Luis Barreiro... Tamén de prestixiosos xornalistas, como Fernando Onega, María Rey, Pilar Cernuda, Pepe Domingo Castaño, José Mª Carrascal, Luis Rial… e persoeiros do mundo do cine e teatro como Carlos Blanco, Luis Zaera, Mela Casal, Gloria Ferreiro, Xacobo Pérez e un longo etcétera.

Outras colaboracións fundamentais, sempre estiveron no deseño do cartel anunciador, feito por artistas de sona, sobresaíndo Saavedra Pita, gran amigo da Festa, e os pintores Fondevila e Marisa Miguélez entre os amigos da empanada do Concello.

Lugar: Campo da Festa.
Localidade: Abades
Data: domingo de Pascua.
Mes: abril
Antigüidade: 1ª edición 1988
Coordenadas: X: 557.107 Y: 4.733.622   H: 29

Importancia: Trátase dunha festa de exaltación do produto reposteiro por excelencia nas romerías tradicionais galegas e que no Concello se coñece como “Melindre”. Hai testemuñas escritas da elaboración deste postre no S. XIX  ao ser premiadas en diferentes concursos e  exposicións rexionais (1880 e 1909), o que da idea da antigüidade que pode ter na súa elaboración artesanal e que tivo unha gran representante en Cándida Tábora.

Actos: Romaría popular con misa solemne, procesión e ofrenda de rosquillas. Concurso e poxa.

Organización
: Como non podía ser menos, esta golosina atopou a súa avogada na Virxe do Carme do Santuario de  Abades,  a onde o domingo de Pascua acoden os romeiros e as amas da casa a facerlle a ofrenda dos “bolos” de melindres para sacar en procesión.

Rematados os actos relixiosos, os bolos (pequenas bandexas de 50 rosquillas con presentacións moi  vistosas), son expostos a concurso onde se lles outorgan premios ao sabor e á presentación. Logo son poxados no campo da festa e o recaudado vai para cubrir gastos. Como anécdota, dicir que algún bolo foi adxudicado en 210 € (edición do 2008).

Lugar: Carballeira de Castro.
Localidade: Freixeiro-Laro
Data: 1º venres
Mes: agosto
Cando a fin de semana coincide os días 1 e 2 atrásase ao 31 de xullo.
Antigüidade: 1ª edición 1989
Coordenadas: X: 563.357 Y: 4.720.014 H: 29

Importancia: Trátase dunha festa gastronómica moi popular e asentada no calendario. Cada ano danse cita unhas 10.000 persoas para saborear unhas 2.000 racións de tortilla e 1.000 litros de viño, de forma gratuíta. A festa data do ano 1989, contando con XXII edicións no ano 2010.

Actos: Pregón por personaxes convidados. Concurso-degustación. Poxa de tortillas gañadoras. Cea na carballeira e actuacións musicais de grupos tradicionais, charangas e orquestras.

Organización: Cada ano a comisión organizadora e as amas e amos de casa esfórzanse por ter listas centos de tortillas en tódalas súas variedades posibles: con bacallao, pementos, chourizo, carne, gambas...

Repártense unhas 2.000 racións, xa que moito público achégase coa comida da casa, mentres que se dan uns 1.000 litros de viño gratis a quen merque tazas e xerras.

As tazas véndense a dous euros mentres que a xerra con taza costará dez. Tamén hai á venda camisetas, polos, porróns e viratortillas.

Como servizos de loxística a organización dispón de autobuses ata Laro dende Silleda, A Bandeira e Lalín.

Lugar: Praza da Feira Vella.
Localidade: Silleda (vila).
Data: 1º venres (Festas do Verán).
Mes: xullo
Antigüidade: 1ª edición 1999
Coordenadas: X: 561.779 Y: 4.727.882 H: 29
Importancia: Dende o ano 1999 celébrase na vila de Silleda a festa de exaltación do lacón, producto típico da zona.

Actos: Degustación de plato típico baixo carpa. Grupos de música tradicional e peche con actuación de orquestras.

Organización: A cea comeza ás dez da noite, baixo a carpa montada na Praza de Feira Vella. A asistencia media é dunhas 1.500 persoas, o que da idea do relevo que foi tomando en pouco tempo. A dificultade da preparación do manxar nas dúas formas de presentación, cocido ou asado, quedou superada pola colaboración das panaderías que ofrecen os seus fornos de forma totalmente desinteresada e dunha empresa de Lalín para presentar o produto cocido. Quedan así os 270 lacóns listos para servir.

A Organización aconsella facer as reservas e o pago con suficiente antelación nos lugares de costume.

Outros detalles:
Hora de comezo: 22:00 horas.
Menú: lacón cocido ou asado, queixo con marmelo, pan, viño e refrescos.
Nota: aconséllase facer reservas de mesa nos lugares de costume.

Lugar: Centro Social
Localidade: Campo da Festa. Breixa
Data: derradeiro sábado
Mes: outubro
Antigüidade: 1ª Edición 2000

Importancia: Os anos transcurridos avalan esta festa dun producto galego por excelencia, sempre presente nas cociñas galegas como ingrediente en diversos pratos, ata a chegada da pataca no S. XV. En cada edición queda patente o proveito culinario dun dos produtos estrela do outono galego.

Actos: Festa gastronómica nocturna que se celebra no Centro Social con degustación de castañas asadas,  máis de 100 kg, panceta con bolas de pan, viño, café e augardente. Como non podía ser menos, organízase un concurso de tortas a base de castañas.
Remata a festa coa música e o baile de sempre.

Lugar: Campo da Festa do Centro Social.
Localidade: O Burgo. Cortegada
Data: derradeiro venres
Mes:
xullo
Antigüidade: 1ª edición 2001
Enlace: www.festadapaella.es
Coordenadas: X: 563.237 Y: 4.724.290 H: 29

Importancia: Trátase dunha festa gastronómica moi popular e asentada no calendario. Cada ano danse cita unhas 1.600 persoas para saborear a maior paella das que se poden facer en Galicia, con 1.000 kg de arroz. A festa data do ano 2001, contando con X edicións no ano 2010.

Actos: Degustación de paella mixta con carne, polo, mexillóns, tomate, fabas e arroz en cazola de barro e baixo carpa. Actuacións de grupos tradicionais.

Organización: A comisión organizadora contrata a elaboración da paella máis grande das coñecidas, empregando 1.000 kg do mellor arroz nun único paelleiro alimentado con leña. Cun sistema de reparto perfectamente organizado, en cazolas conmemorativas da edición, preto de 2.000 persoas gárdanse ao abrigo dunha gran carpa para disfrutar deste prato tan coñecido.

Outros detalles:
Hora de comezo: 22:00 horas
Menú: paella con cazola de regalo, queixo con marmelo, pan, viño, refrescos e café con augardente
Nota: Aconséllase facer reservas de mesa a través de establecementos que se reseñan previamente
Información: festadapaella@gmailcom

Lugar: Campo da Festa.
Localidade: Piñeiro
Data: a determinar
Mes: marzo-abril
Antigüidade: 1ª edición 2002
Coordenadas: X: 555.430 Y: 4.733.454 H: 29
Importancia: A historia di que este prato naceu como resultado da fusión do saber facer gastronómico dos arrieiros, cando se xuntaban nas feiras, ,mercados e festas, aportando por un lado as carnes frescas e patacas de Galicia, e por outro o pimentón e aceite de Estremadura.
Dende o ano 2002, Piñeiro, situado no Camiño de Santiago, homenaxea a este prato tan arraizado na cultura gastronómica galega.

Actos:
Degustación de plato típico baixo carpa. Grupos de música tradicional e peche con actuación de orquestras.

Organización: A cea comeza ás dez da noite, baixo a carpa montada na Campo da Festa. A asistencia media é dunhas 1.200 persoas, todas ben sentadas e protexidas do frío da época ante a previsión dun consumo de 700 kg de carne.

Outros detalles:
Hora de comezo: A partir das 21:30 horas
Menú: carne de tenreira cocida con patacas, con pementón e aceite, queixo con marmelo, pan, viño e refrescos. Café e gotas.

Este e un prato moi sinxelo de facer e pódese tomar en calquera fecha do ano. A súa elaboración para catro (4) persoas e a seguinte.

Ingredentes: 1 kg de carne de falda de tenreira galega, 4oo gr de patacas grandes, 50 gr de unto (graxa de porco), pementón picante ou doce (ao gusto), aceite de oliva e sal groso.

Elaboración: Cortar a carne en catro partes e poñela no fondo dunha pota con anacos de unto enriba. Engadir unha pouca auga e quentar ata que se desfaga o unto. Despois cóbrese con auga e ponse a cocer durante alomenos unha hora.

Máis adiante, bótanselle as patacas enteiras. Cando vexamos que a carne está no seu punto, retíranse as patacas, córtanse e póñense como base da carne. Para acabar de elaborar o prato, poñer a carne por riba das patacas con algo do caldo da cocción e esparexer o pementón co aceite e un chisco de sal groso.

Ver mapa de recursos
Festa do Lacón
Encontro Coral “Tardes de Primavera
Festival de Bandas de Silleda Festa da Tortilla Festa da Paella Festa da Castaña Festa do Melindre (Rosquilla) Festa da Carne ó Caldeiro Romaría do Rapaz
Romaría da Saleta Romaría Santa Sabela Entroido / Alto do Xenerais Entroido / Alto do Xenerais Entroido / Alto do Xenerais Entroido / Alto do Xenerais Festa da Empanada
Festival Esmorga Folk
Certame Azaloira
Concurso de Gaiteiros Solistas
Festival de Bandas da Bandeira
Mostra de Baile Tradicional Romaría San Lourenzo de Carboeiro
Encontro de Música Tradicional Santa Ferreña