Fermoso espectáculo de auga, luz e son, formado por unha cascada de auga do río Toxa na parroquia de Pazos, considerada a máis alta de Galicia en caída libre.
Constitúe un espazo de alto valor paisaxístico que forma parte do Sistema Fluvial Ulla-Deza e participa no proxecto europeo Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria.
A súa diversidade botánica, aproveitada polos monxes dos mosteiros de Carboeiro e Camanzo para a súa farmacopea, e un bosque atlántico marabillosamente conservado con especies de tipo mediterráneo, conceden a este lugar características de único, incomparable e unha das máis impoñentes imaxes da nosa comunidade pola singular beleza. Se a auga é vida, as fervenzas son a ledicia de vivir.
- Como Chegar
- Valores Naturais
- Sendeirismo
Accédese dende a vila de A Bandeira situada na estrada N-525 que une Ourense con Santiago. Dende esta poboación vaise á parroquia de Pazos pola estrada 204 que vai a Merza e Vila de Cruces e, seguindo os sinais chegaremos aos miradoiros, onde podemos deixar os vehículos para facer un pouco de sendeirismo ata o pé da inmensa cola de cabalo.
Esta área presenta unha gran diversidade litolóxica que da orixe á fervenza, ao encaixarse entre un granito tremendamente duro por mor da cantidade de cuarzo que presenta sobre materiais metamórficos menos resistentes á erosión.
Nas impoñentes paredes graníticas que flanquean a fervenza aniñan grandes aves que precisan de cantís pétreos e que son pouco abundantes en Galicia, coma os corvos (corvus corax) e os falcóns (falco peregrinus).
A benignidade climática permite a diversidade forestal de maneira que na posición de solaina están presentes as sobreiras (quercus suber), os érbedos (arbutus unedo), os loureiros (laurus nobilis) e os cerquitos (quercus pyrenaica), mentres que nos solos máis profundos dominan o carballo (quercus robur), o pradairo (hacer pseudoplatanus) e o castiñeiro (castanae sativa).
Preto das augas do Toxa, nas ribeiras ben conservadas, existe un bosque en galería de árbores amantes da humidade como os salqueiros (salix atrocinerea), os amieiros (alnus glutinosa), os freixos (fraxinus angustifolia) e as abeleiras (corylus avellana).
A especial singularidade da orografía destas fervenzas permite disfrutar do espazo desde puntos de vistas distintos. Un, disfrutando dos miradoiros situados en distintos niveis na parte alta da cascada, e outro baixando ao pé da mesma, despois de percorrer andando a distancia que separa os dous puntos. Todo un pracer para os sentidos e unha lección de botánica nun lugar afastado do mundo, como recuncho da natureza que sobrevive aos atropelos infames do progreso.