Xenerais da Ulla
 
O tempo en Silleda
Para o día 25/10/2014

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima: 16
Máxima: 29
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Sendeirismo
""
 
Inicio -> Sendeirismo -> Ruta da Auga

Ruta da Auga

Partindo do lugar de Buxos, na parroquia de Parada, disponse un sendeiro circular no que muíños, fontes e lavadoiros de recente restauración por iniciativa veciñal dan a coñecer a importancia da auga nesta zona, descubríndonos unha flora e fauna propia que dan vida a regueiros, presas e caneiros.

Esta ruta homologada, de 6,7 quilómetros de traxecto, iníciase en Buxos onde, seguindo o curso dun regueiro descéndese ata chegar á primeira das fontes restauradas, a fonte de Redemuiños. Neste intre o paisaxe tórnase en leiras e prados que desembocarán preto do Muíño dos Herdeiros. O traxecto continúa ata cruzarse coa estrada, de xeito que unha vez superado este cruce, se continúe o camiño ata alcanzar a fonte de Rego do Foxo, seguindo o ascenso acádase o punto máis alto de todo o sendeiro no que, tras atravesar un piñeiral, observaremos unha das formacións arquitectónicas máis popular da apicultura tradicional, unha alvariza.

Seguindo a ruta chégase ata o lugar da Coelleira, iniciando o descenso por un carreiro de gran humidade, marcado por un terreo asolagado que desemboca no lugar de Outeiro, onde se atopará unha nova fonte e lavadoiro de recente restauración. Continuando o traxecto chégase a Parada, onde ademais de admirar a fonte e lavadoiro renovados se pode visitar a igrexa de Santo Tomé de Parada.

Á saída deste núcleo atópanse a poucos metros de distancia a Fonte do Piollo e a Fonte de Fraíz. Seguindo o sendeiro chégase á fonte e lavadoiro do Barro que atopa o punto final do percorrido no muíño e na fonte de Buxos.

Trátase dunha ruta marcada pola gran impetuosidade de carballos, vidos, castiñeiros e piñeiros ao longo do traxecto permitindo descubrir a diversa fauna que aniña nestas fragas como paporrubios, pegas marzas e rabilongas, bubelas, lagarteiros, mouchos e curuxas. Recoméndase realizar este sendeiro nos meses de primavera nos que o verdor da paisaxe se ve invadido por lirios amarelos en flor que medran ao longo dos regueiros.

 








Punto de saída:
Buxos
Punto de chegada:
Muíño de Buxos
Tempo:
3 h. Aprox.
Distancia a percorrer:
6,7 km.