Xenerais da Ulla
 
O tempo en Silleda
Para o día 01/11/2014

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima: 14
Máxima: 21
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Sendeirismo
""
 
Inicio -> Sendeirismo -> Sendeiro do Deza

Sendeiro do Deza

O sendeiro Natural da Fervenza do Toxa-Mosteiro de Carboeiro está situado nos Concellos de Silleda e Vila de Cruces, na Comarca do Deza. Accédese ao comezo da ruta dende a vila de A Bandeira, situada na estrada N-525, que une Ourense con Santiago de Compostela. Logo, dende A Bandeira, hai que dirixirse á parroquia de Pazos pola estrada PO-204 que vai a Merza e Vila de Cruces.

Este espazo, debido ao alto interese das comunidades naturais que conserva, participa no proxecto europeo Rede Natura 2000 e forma parte do Lugar de Importancia Comunitaria Sistema fluvial Ulla-Deza.

  • Descrición
  • Biodiversidade

Ten unha lonxitude duns 6 Km. onde, logo de contemplar dende os miradoiros a Fervenza do Toxa, de máis de 70 m. de salto, descendemos cara ao pé da mesma para acompañar ao Toxa nos últimos metros ata que desemboca no Deza. Crúzase este río por unha ponte de ferro para acadar a ermida de San Paio e posteriormente a localidade de Merza. Continúase ata a praia fluvial de A Carixa, e despois dunha subida de certa dificultade, desviámonos á dereita polo lugar de A Portela, aínda que poderíamos acurtar o percorrido se continuamos estrada arriba cara ao balneario Baños da Brea para enlazar polo antigo camiño que levaba a Carboeiro.

Unha vez chegados ao lugar de A Portela, seguímolo camiño paralelo ao río, segundo a sinalización marcada, ata atopar a calzada medieval que cruzará a antiga ponte medieval, reconstruída varias veces, tamén chamada Ponte do Demo, e que definitivamente nos conducirá ao cenobio beneditino de San Lourenzo de Carboeiro, fundado no século X, considerado como a mellor mostra galega de estilo románico de transición, tamén denominado románico oxival. 

A conca do río Deza atesoura unha das comunidades piscícolas mellor conservadas de Galicia, onde ciprínidos endémicos como a Chondrostoma polylepis conviven cunha das mellores poboacións de troitas (Salmo trutta) da vertente atlántica galega. A estas especies sedentarias hai que sumarlle aquelas outras que precisan de desprazamentos ao longo da súa vida entre o mar e o medio fluvial, e que cada vez son máis escasas debido á presenza de barreiras artificiais postas polo home. Pertencen a este grupo a anguía (Anguilla anguilla), o sábalo (Alosa alosa), a zamborca (Alosa fallas), a lamprea (Petrmyzon marinus) e unha das xoias das nosas augas, o salmón atlántico, que atopa nos cursos fluviais da conca do Deza, nados nos montes do Testeiro e serra do Candán, un dos últimos redutos para evitar a extinción. Son as augas do Deza, frescas e osixenadas todo o ano, ao que contribúen unhas ribeiras ben conservadas onde se establece un bosque en galería de árbores amantes da humidade como os salgueiros (Salix atrocinerea), os amieiros (Alnus glutinosa) e os freixos (Fraxinus angustifolia). Como bioindicadores da saúde das augas podemos atopar no Deza invertebrados cada vez máis escasos en Europa como o mexillón de río (Margaritifera margaritifera) ou o tizón esmeralda (Oxygastra curtisii). Mantén tamén este río mamíferos pouco comúns como o auganeiro (Galemys pyrenaica) e a lontra (Lutra lutra); mesmo é posible descubrir na beira do río as pegadas do tímido furón (Mustela putorius), que gusta de capturar pequenos vertebrados coma a ra patilonga (Rana iberica) e o lagarto da auga (Lacerta shreiberi). Estas últimas, xunto coa tamén presente píntela rabilonga (Chioglossa lusitanica), son tres especies endémicas do noroeste da Península Ibérica.

A benignidade climática permite a diversidade forestal, xa que aos elementos típicos das carballeiras húmidas súmanselle moitos outros termófilos, propios das formacións mediterráneas. Así nas posicións de solaina e de solos mellor drenados están presentes as sobreiras (Quercurs suber), os érbedos (Arbutus unedo), os loureiros (Laurus nobilis) e os cerquiños (Quercus pyrenaica), mentres que nos solos máis profundos dominan o carballo (Quercus robur), o pradairo (Acer pseudoplatanus) e o castiñeiro (Castanae sativa); este último con tendencia a solos menos húmidos.

Son moitos os invertebrados asociados a esta complexa comunidade de árbores. Destacan pola súa rareza entre os escaravellos os pertencentes á familia dos lucánidos, representados pola vacaloura (Lucanus cervus) e a carroucha real (Dorcus parallelopipedus), que realizan o seu desenvolvemento larvario en madeira morta dos caducifolios, propia dos bosques vellos. Moitas das bolboretas do bosque aliméntanse durante a fase larvaria das follas das árbores, como é o caso da raíña salgueira (Apatrua iris), que se alimenta das follas dos salgueiros.

Entre os micromamíferos forestais destacan o rato silvestre (Apodemus sylvaticus) e o leirón careto (Eliomys quercinus), que gusta dos froitos das abeleiras (Corylus avellana), que forman parte do sotobosque baixo os carballos. Están presentes tamén depredadores, grandes fitófagos coma o porco bravo (Genetta genetta) e o corzo (Capreolus capreolus). O bosque vese intercalado con cultivos forestais de piñeiros e eucaliptos e zonas abertas con matogueira de toxos (Ulex) e xestas (Cytisus).

Esta área presenta unha elevada diversidade xeolóxica na que predominan os granitos, as anfibolitas e as mignatitas. Tiveron grande importancia nas décadas dos trinta e corenta do S. XX as canteiras de volframio, tamén chamado tungsteno, que foron obxecto dunha intensa actividade mineira asociada aos conflitos bélicos mundiais. Esta mesma diversidade litolóxica é a que da orixe á Fervenza do río Toxa, que traballa para encaixarse nun granito tremendamente duro por mor da cantidade de cuarzo que presenta e disposto sobre materiais metamórficos menos resistentes á erosión. Nas impoñentes paredes graníticas que flanquean a fervenza aniñan grandes aves que precisan de cantís pétreos e que son pouco abundantes en Galicia, coma os corvos (Corvus corax) e os falcóns (Falco peregrinus).

Carballeira do Pazo

Carballeira do Pazo

Carballeira do Pazo


Carballeira do Pazo

Lonxitude do trazado:
6 km.
Duración de ida:
2 horas.
Grado de dificultade:
Baixo.

Este sendeiro ten a consideración de Pequeno Percorrido (PRG 18) e conta cunha sinalización para indicar o camiño correcto.



Recomendacións

MATERIAL: calzado lixeiro de montaña, chubasqueiro en función da época do ano. Mapa da ruta, cantimplora, aconsellable máquina de fotos, roupa lixeira e cómoda.

Pódese realizar en sentido de ida e volta, pero é recomendable seguir o itinerario marcado para evitar a perda. Neste caso chamar aos teléfonos: 660 663 145 ou 660 664 809  (Protección Civil)