Igrexa parroquial barroca, dunha soa nave e unha ábsida rectangular que conserva restos románicos no testeiro cunha ventá de medio punto con dobre arquivolta, ademais de interesantes canzorros no muro sur. Esta igrexa merece unha visita ao seu interior, especialmente ao presbiterio.
Sobre o seu fermosísimo conxunto interno (S. XII), destaca a iconografía dos capiteis que ofrecen unha impresionante mostra do bestiario medieval, practicamente único en Galicia, alusivo aos pecados capitais e paixóns do home e a súa loita contra eles: centauros, harpías, sereas, grifóns, testas de león e de lobo, aves rapaces, serpes e outros animais fantásticos configuran un conxunto temático que os expertos consideran unha excepción no románico galego.