The weather in Silleda
Day In the morning In the afternoon Minimum:
Maximum:
Courtesy of Meteogalicia
|
Home -> News |
A ruta Tapéalle Cogomelos volta dende o vindeiro venres 1 de novembro a unha ducia de establecementos de Silleda e A EstradaA ruta ‘Tapéalle Cogomelos’ volta por cuarto ano consecutivo, a locais hostaleiros dos municipios de A Estrada e Silleda situados a carón da estrada N-525. Esta cuarta edición arrancará o vindeiro día 1 de novembro, cunha ducia de establecementos participantes. Todas aquelas persoas que se acheguen a consumir a estes locais ao mediodía durante todos os domingos de novembro, e os días 1,6 e 8 de decembro terán, de xeito gratuito, tapas elaboradas a base de cogomelos, con receitas do máis variado, dende revoltos, con arroz, en tortilla, pizza, con carnes… Os establecementos participantes, situados entre os kilómetros 320 e 309 da N-525 son: Bodedós (Arnois); Casa da Botica e Restaurante O Emigrante (Loimil); Vinoteca Casa Maceira (Lamela); e varios locais da Bandeira (Hotel Conde Rey, Bar Atly, Bar Zaux, Bar Trécola, Café Bar Arume, Vinoteca Cadeira, A Taberna do Músico e Café Bar A de Filo). Premios e ‘Cogomelas’ A iniciativa, organizada polos propios hostaleiros en colaboración cos Concellos de A Estrada e Silleda foi presentada hoxe no Centro Cultural Vista Alegre, coa presenza dalgún dos organizadores e os concelleiros de Cultura de ámbolos dous municipios, Juan Constenla e Margarita Campos, respectivamente. Teresa Costa (Trécola) e Susana Cancela (Casa da Botica), lembraron que este roteiro comezou da man da Asociación Coto Manguelo de Orazo e explicaron que o sistema é o mesmo que o de anos anteriores. As tapas son gratuitas coas consumicións e nos establecementos entregaranse aos clientes as xa coñecidas ‘Cogomelas’, unas tarxetas para ir selando nos locais. Todos aqueles que as completen, pasando polos 12 locais, poden entregalas en calquera deles entrando despois no sorteo de dous premios: unha cena para dúas persoas nun restaurante da zona e unha cesta con produtos típicos da zona. A concelleira de Cultura e Turismo de Silleda, Margarita Campos, felicitou aos hosteleiros por poñer de novo en marcha “esta iniciativa dinamizadora que axuda a revitalizar a economía local e tamén a atraer a visitantes e turistas”. Juan Constenla, responsable de Cultura do Concello da A Estrada tamén parabenizou a proposta do sector hostaleiro ao que animou a continuar con esta aposta “que tamén é unha forma de dar a coñecer á sociedade o potencial dos cogomelos e do monte en xeral”.
Ámbolos dous amosaron ademais a dispoñibilidade dos dous Concellos para seguir apoiando esta iniciativa do sector. Publicado: 2013-10-28 |