App Store Carboeiro 
 
The weather in Silleda
Day

In the morning

In the afternoon

Minimum:
Maximum:
Courtesy of Meteogalicia
 
Follow us: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Home -> News

O Museo do Pobo Galego presenta o vindeiro sábado día 14 en Abades a revista co artigo sobre o órgano do santuario

Silleda, 7 de marzo de 2015. O santuario de Nosa Señora dos Desamparados e o seu órgano, un instrumento de finais do século XVIII, único en Galicia, volven ser protagonistas da axenda cultural o vindeiro sábado día 14.

O Museo do Pobo Galego presentará no santuario silledense o número 9 da  revista ADRA, que contén un monográfico sobre o órgano da parroquia, cunha gran valía dende o punto de vista histórico e musical.

 

No acto de presentación, que comezará ás 12.00 horas, os autores do artigo, os investigadores Andres Díaz e Belén Bermejo, farán unha pequena visita guiada ao órgano e comentarán algúns datos recollidos no decurso da investigación, levada a cabo no marco do proxecto de Catalogación dos órganos de Galicia.

Como complemento á xornada, membros do Grupo de Música Antiga 1500 interpretarán unha selección dos “Gozos da Virxe” das cantigas de Afonso X o Sabio, en conexión co que debeu ser a tradición musical deste Santuario. Da vida musical do templo fala de por sí a presenza dun magnífico órgano pero, está documentado ademáis, que a música era, nas celebracións que tiñan lugar nel, un elemento esencial, até o punto de que se ten noticia de que, nos días de festa, se contrataban cantores para interpretar os “gozos da nai de Deus”.

O número 9 da revista ADRA, editada polos socios e socias do Museo do Pobo Galego, inclúe un completo traballo sobre o órgano de Abades, un exemplar único que se conserva nun excelente estado, prácticamente no seu estado orixinal, con toda a súa tubería intacta e sen electrificar. O moble e o mecanismo de dar aire ao instrumento, os foles, consérvanse tamén intactos e coa súa decoración e policromía orixinais, acorde coa do resto de templo. Ademais é un dos poucos realexos que se conservan en Galicia, malia ter constancia de que existiron varios deles polos templos da nosa Comunidade. O realexo era un órgano algo máis cativo ca os instrumentos típicos, que se construían para as igrexas.

            Así mesmo, un ingrediente que lle engade valor ao instrumento é que se coñece o o seu constructor: o frade franciscano Frei Felipe de la Peña. Este frade, residente no mosteiro de San Francisco de Santiago, era un consumado organeiro, descendente dunha saga de organeiros. A súa sona e bo facer fixeron que tivera ao seu cargo a construción doutros instrumentos por Galicia, como órgano do Mosteiro de Celanova, e mesmo fora de Galicia, o caso do órgano da Colexiata de Pravia, en Asturias.

    A cita tamén conlevará a visita a Abades e a outros enclaves do municipio dun grupo de 30 socios e socias do Museo do Pobo Galego, que pasarán a xornada no municipio silledense.

 

 

 

 

 

Publicado: 2015-03-09